Sábado, 3 Maio de 2025

Baiona ofrece mañá un obradoiro de autocoidado

Tras o acto central do 8M, Día Internacional da Muller, no Multiusos Mercado de Sabarís, onde a Concellería de Igualdade inaugurou a exposición das fotografías e as historias das mulleres de Baiona que forman parte das “Axendas Igualitarias”, un bonito proxecto iniciado no 2021 por esta Concellería, continúa durante a fin de semana a programación da “Primavera Lila”,  programación deseñada por Igualdade e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller.

Así, darase continuación as actividades mañá venres día 10 de marzo no Multiusos Mercado de Sabarís ás 12:15 co obradoiro “Para rachar estereotipos de xénero” para o alumnado do CEP Sabarís, en colaboración coa ANPA deste colexio.

Xa pola tarde ás 19:30 h haberá dous obradoiros moi interesantes: o Obradoiro “Rir as penas. Risoterapia”, en colaboración coa Asociación de Viúvas de Baiona “Mercedes de la Escalera” e o Obradoiro “Cóidate. A importancia do autocoidado”, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa de Baiona.

O sábado, 11 de marzo, neste mesmo espazo ás 19:30 h, haberá un espectáculo familiar baixo o título: “Cinema de historias da man de Alice Guy (A nai do cinema), de Raquel Queizás, para nenos a partir de 5 anos.

Entre finais de febreiro, todo o mes de marzo e principios do mes de abril,  está a  levarse  a cabo toda unha serie de actividades que forman parte dunha programación que co 8 de marzo como escenario, a concelleira, lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “ a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinala Moreira Costas.
Por iso, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.

Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.

As actividades están financiadas pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos Línea 2.