O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, anunciou hoxe a intención do Goberno local de atrasar a apertura dos parques infantís e áreas biosaudables do municipio ante a imposibilidade de cumprir cos requisitos esixidos pola Xunta de Galicia que, unha vez máis, afirma o rexedor baionés, “fai gala da máis absoluta improvisación”.
Gómez lamentou que o Goberno do PP da Xunta de Galicia, aplique a máxima do Despotismo Ilustrado de ‘Todo polo pobo pero sen o pobo’ e adopte medidas “que afectan directamente aos concellos é a saúde da cidadanía, sen tan sequera consultar ás administracións locais se teñen capacidade ou non de poñer en marcha ditas medidas”.
É despropósito e un total descoñecemento da realidade dos concellos, asegura o alcalde de Baiona, “pensar que no prazo de dous ou tres días, unha administración local pode poñer en marcha unhas medidas, case que absurdas dende o punto de vista sanitario e de imposible cumprimento”.

A Xunta especifica, tal e como recolle o DOG que “os parques infantís e espazos de uso público ao aire libre poderán estar abertos ao público sempre que se respecte unha capacidade máxima”. Esa norma, amais de outras que propón o Goberno galego, “faría preciso medicións exactas e cálculos de uso en cada área de xogo para que cada neno ou nena tivera 4 metros cadrados de espazo” a ese traballo habería que engadir o da “elaboración e colocación de paneis informativos sobre as condicións de uso da zona”.
Doutra banda, explica Carlos Gómez, a Xunta obriga a “unha desinfección e limpeza diaria” tanto dos elementos de xogo como do mobiliario urbano compartido, unha medida que o rexedor local cualifica de “absurda e inútil” xa que “un xogo que toque un neno ou nena pode quedar contaminado e contaxiar ao que o utilice despois, polo que habería que desinfectado cada vez que un rapaz ou rapaza utilice un elemento do parque”.

A todas estas medidas que “non teñen máis intención que a de dar unha sensación de normalidade” sen pararse a pensar “as consecuencias que poden ter sobre un dos sectores máis vulnerables da poboación, como é a infancia”, afirma Gómez, engádese a obriga de contar con xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes “unha medida que precisa de certo tempo para instalar os dispensadores”.
Por último, Carlos Gómez lamenta que a improvisación do Goberno galego, “que debería ser o principal garante da saúde dos galegos e galegas”, lle leve a adoptar unha medida como esta que pode tirar polo chan “todos os esforzos realizados ata o de agora por Concellos, sector produtivo e cidadanía”.
Os parques infantís e áreas biosaudables, remata o alcalde de Baiona, “iranse abrindo a medida que o Concello poida garantir totalmente, a seguridade dos nenos e nenas que utilicen ditas instalacións”.