Sábado, 3 Maio de 2025

Baiona activa un novo sistema de inscrición online para garantir a seguridade nos eventos do verán

O Concello de Baiona vén de poñer en marcha un novo sistema de inscrición para garantir a seguridade nas actividades e eventos que se desenvolvan no recinto do parque da Palma. Trátase dun sistema dinámico e práctico, habilitado na web do Concello –na ligazón https://www.baiona.gal/calendario/–, no que figuran os días das diferentes actividades, horario e unha pequena descrición do evento.

Nesa páxina, coa lenda “Sistema de inscrición previa obrigatorio na actividade”, as persoas interesadas poden reservar as súas entradas. Na mesma páxinas figura información complementaria sobre as medidas habilitadas para garantir a seguridade sanitaria das e dos asistentes.

Entre outras directrices, sinálase que todos os eventos seguiránse sentados en cadeiras que terán unha serparación de 2 metros entre elas e, amais, será obrigatorio o uso de máscara de protección e estará prohibida a introdución de bebidas alcohólicas, comer ou fumar en todo o recinto.

A maiores destas medidas, aplicaranse tamén todas aquelas medidas adicionais que marquen as autoridades sanitarias dependendo da evolución da pandemia.

Dentro da programación do Baiverán, mañá mércores, 28 de xullo e dentro do ciclo ‘Baiona con Humor’ ás 21 horas será a quenda do humorista local Rafa Durán co seu espectáculo Duranadas.

O xoves 29 de xullo, veciñanza e visitantes terán a oportunidade de realizar unha visita guiada con saída ás 10 horas e xa pola noite, ás 21 horas, será a quenda do concerto ‘Spanish Castle Magic’, tributo a Jimi Hendrix