A Asociación Villas Marineras, á que pertence Baiona dende a súa creación, celebra este sábado 10 de maio a sétima edición do Día das Villas Marineras, unha festa anual que nesta ocasión terá como vila anfitrioa a propia Baiona.
A asociación, formada polos municipios de Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Laredo e Santoña, promove este evento co obxectivo de dar a coñecer as súas vilas, poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos, e reforzar a súa identidade común entre os distintos municipios.
As actividades programadas constitúen unha oportunidade para favorecer o achegamento entre a veciñanza das seis localidades cántabras, galegas e asturianas, representadas polas súas principais autoridades municipais e diversos colectivos sociais e culturais.
Unha comitiva de cada vila participará nesta xornada festiva e de irmandade. Baiona, que foi a primeira vila en organizar este evento no ano 2014, acollerá nesta edición de 2025 un formato máis dinámico, no que todos os grupos participantes actuarán durante 15 minutos nas principais prazas da vila. As actuacións non serán simultáneas, para facilitar que o público poida gozar de todas elas.
O programa comezará ás 11:30 horas cun pasarrúas no que participarán todos os grupos, entre eles o “Grupo Ardelume Baíña, Grupo de Integración”, en representación de Baiona. A saída será dende o Porto Pesqueiro e rematará na Praza do Concello, onde terá lugar a primeira actuación.
Dende a súa fundación no ano 1998, o obxectivo principal da Asociación Villas Marineras é poñer en valor e aproveitar os recursos marítimos e pesqueiros dos seus municipios para promover un turismo sostible durante todo o ano.