Martes, 6 Maio de 2025

A Oficina de Turismo de Baiona recibe a Q de calidade turística

O tenente de alcalde de Baiona, Óscar Martínez, recolleu en Vigo o recoñecemento autonómico ao traballo da Oficina de Turismo de Baiona, tras renovar o distintivo da “Q de calidade turística” o pasado ano 2020.

A entrega do distintivo levou a cabo durante un acto ao que asistiron representantes da Xunta e do Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que concede estes selos de calidade. Ao mesmo tempo recibiron este recoñecemento todas as demais institucións e empresas galegas ás que lles foi concedido no 2020 xa que, debido á crise sanitaria, non se puido celebrar este acto público durante o ano pasado.

Baiona recibe este recoñecemento tras pasar favorablemente a auditoría da Q de Calidade, levada a cabo polo ICTE, e renovar o distintivo que conseguiu por primeira vez en 2019 tras adherirse á Rede de Oficinas de Turismo “Info Rías Baixas”, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra.

A renovación do distintivo en 2020 produciuse nun contexto de gran complicación para o servizo de atención xa que requiriu unha reestruturación dos procedementos de atención ao turista, do espazo físico na oficina e a adaptación ás medidas preventivas ante a Covid-19.

“É un recoñecemento que valora o traballo realizado desde o Concello de Baiona, en especial o das nosas técnicas de turismo, en favor da calidade turística e a mellora na atención que reciben os visitantes que chegan ao noso municipio”, indica o alcalde Carlos Gómez.