Xoves, 8 Maio de 2025

A Concellería de Igualdade de Baiona pon en marcha o concurso de debuxo e slogan contra a violencia de xénero

O concurso ten como obxectivo promover, dentro do ámbito educativo a reflexión ao redor da promoción da igualdade entre mulleres e homes así como a loita contra a violencia de xénero, e sensibilizar sobre a importancia de valores como a igualdade entre mulleres e homes e o respecto.

Poderá participar calquera alumno ou alumna que curse educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica (ESO e FP básica) nun centro educativo de Baiona.

O contido das obras deberá enviar unha mensaxe que incida na reflexión ao redor da promoción da igualdade entre mulleres e homes e/ou a loita contra a violencia de xénero.

As obras presentadas elaboraranse de maneira individual polas persoas participantes. O debuxo e slogan deberá ser orixinal e inédito, non premiado noutros concursos ou certames. As obras realizaranse en formato vertical en cartolina DIN A4 de cor branca. A técnica será libre, quedando prohibidos os debuxos e slogans en computador ou con novas tecnoloxías. O debuxo deberá incluír obrigatoriamente un slogan en legua galega.

Outorgaranse tres premios aos a gañadores. O primeiro premio será unha tablet, o segundo un reloxo intelixente, e o terceiro uns auriculares bluetooth.

O “Concurso de debuxo e slogan contra a violencia de xénero” forma parte do proxecto ”Igualdade todo o ano”, promovido polo Concello de Baiona a través da Concellería de Igualdade, Mocidade e Novas Tecnoloxías e o Centro Municipal de Información á Muller, e cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, no marco da Liña dúas do Plan Concellos 2020.