A Casa da Navegación de Baiona acolle, dende o venres 2 de xullo, unha máis que interesante e recomendable exposición na que, baixo o título A Campaña do Argus amosa o traballo realizado polo reporteiro do National Geographic Magazine e oficial da Armada australiana, Alan Villiers, que en 1950 acompañou aos pescadores portugueses na pesca de bacallau nos caladoiros de Terranova, en Canadá. Villiers viviu máis de cinco meses como camarada dos pescadores lusos e amosa a súa historia e experiencia a bordo do Argus a través de impactantes fotografías.
No acto inaugural participaron o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a concelleira de Cultura, Miriam Costa, e Elena Herbello, xerente en Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda. A mostra inclúe tamén exemplares da primeira edición do libro A Campanha do Argus, considerado un clásico da literatura marítima mundial e que retrata a campaña de pesca do bacallau.

Por outra banda, durante a exposición, no auditorio da Casa da Navegación proxectarase a película The Bankers – The Voyage of the Schooner Argus, de martes a sábado en horario de 12:00 e 18:00 horas.
Con esta iniciativa preténdese poñer en valor a cultura mariñeira como elemento de unión, promoción e intercambio cultural entre as diferentes zonas costeiras atlánticas. A campaña do Argus poderá visitarse en Baiona ata o próximo 31 de xullo.
A Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (REMA) continua, despois de partir do Aquarim Finesterrae, a singradura da mostra temporal A Campaña do Argus, unha exposición cedida polo Museo Marítimo de Ílhavo (Portugal) e que desembarca hoxe na Casa dá Navegación.

Pasaporte REMA
Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada a unha nova realidade. Para iso, o proxecto pon en marcha unha serie de actividades informativas, formativas e culturais que se apoian nas novas tecnoloxías, como nova canle de aprendizaxe, entretemento, formación e promoción da oferta cultural dos espazos que compoñen a Rede REMA.
Novos contidos culturais
No marco do proxecto desenvólvense novos contidos culturais, un deles é a Guía da Rede Rema. As persoas que visiten os distintos espazos da Rede poderán ir acumulando selos Remiña e, unha vez que alcancen cinco estampaxes, participarán no sorteo de 20 cestas mariñeiras.

Cabe destacar tamén a exposición conxunta, O Océano que nos une, un percorrido polos fondos culturais máis destacados da Rede; as mostras itinerantes con contido museístico localizados nos GALP galegos e os percorridos virtuais a través do xogo REMA 360 por 27 dos espazos que compoñen a Rede, localizados en Portugal, Galicia e Asturias.
O proxecto inclúe tamén a celebración de tres seminarios técnicos dirixidos a sacar o máximo potencial ao traballo conxunto entre espazos con contido museístico.