Sábado, 3 Maio de 2025

A Asociación Galega de Ambulantes Autónomos denuncia a “ausencia de control” no mercado de sabarís

A AGAA pide que se controlen as licenzas xa que aqueles que non as teñen son “competencia desleal” fronte aos que pagan as correspondentes taxas.

“A policía Local non fixo ningún tipo de control permanente durante o verán no mercado de Sabarís, permitindo a venda sen Licencia Municipal para exercer a actividade” denuncia a Asociación Galega de Ambulantes Autónomos (AGAA) nun comunicado remitido aos medios de comunicación.

A Asociación denuncia o que cualifica de “falta de control do Concello de Baiona no mercado de Sabarís” que se celebra os luns, recollendo as queixas das e dos comerciantes con licenza para a venda ambulante que aseguran que “a Policía pasa e mira para outro lado, só lle pide a licenza a quen xa saben que a ten”. Esta actitude, asegura a AGAA, provoca unha situación “de competencia desleal” que prexudica aos comerciantes debidamente autorizados.

Nas dúas últimas feiras –explica a presidenta da Asociación, Margarita González, “foi cando a Policía local comezou a pedir as licenzas que, como sempre cando se cumpre a data de límite de pago das taxas semestrais por ocupación da vía pública, comezan a facer o seu traballo e esquécense ata dentro de 6 meses”.

A AGAA solicítalle ao alcalde de Baiona e ao concelleiro de Comercio que “ordene o control continuo todos os luns do ano e así poder ter un mercado seguro para os usuarios que como consumidores poden esixir os seus dereitos”. Nese sentido a Asociación Galega de Ambulantes Autónomos lembra que cos comerciantes sen licenza “os consumidores non teñen onde reclamar, xa que non están á vista os datos do comerciante”.