Sábado, 3 Maio de 2025

Zona Franca creará un Centro de Emprendemento en Redondela “do que sairán grandes proxectos que contribuirán á xeración de emprego”

O delegado do Estado para o Consorcio da Zona Franca de Vigo asegurou que “cumprimos os compromisos tal e como nos gusta a alcaldesa e a min, publicándoos no BOE”

Redondela contará cun Centro de Emprendemento que impulsará o desenvolvemento económico, industrial e empresarial do municipio e do que “sairán grandes proxectos que contribuirán a xeración de emprego”, asegurou o delegado do Estado para o Consorcio da Zona Franca de Vigo, que esta mañá visitou Redondela para, xunto a alcaldesa Digna Rivas, dar a coñecer o investimento de máis de 670.000 euros recollido nos Orzamentos Xerais do Estado.

David Regades asegurou con rotundidade que a puxanza que ten Redondela como cuarta cidade da provincia, “ten que ter o respaldo firme da Zona Franca de Vigo que, xunto coa de Barcelona, é a máis importante de España”.

Segundo o cronograma dado a coñecer polo delegado do Estado para a Zona Franca, no mes de decembro o Comité Executivo do consorcio aprobará o concurso público para buscar un edificio no casco urbano de Redondela e a súa compra, por Zona Franca, para creación centro de empresas, economía e emprendemento.

Unha vez comprado o edificio procederáse á reforma do mesmo. “Se todo vai segundo o planificado –explicou Regades– teríamos o edificio en propiedade no primeiro semestre do ano que ven e estariamos en condicións de adxudicar a obra do edificio no segundo semestre” unha vez redactado o proxecto, en consenso co Concello de Redondela, para as súa transformación neste centro de negocios e aceleradora de empresas.

“Hai menos de dous anos, –lembraba David Regades– nunha reunión coa Asociación de Empresarios e sendo Digna Rivas candidata a alcaldía, dixen que se Digna acadaba a alcaldía, a Zona Franca envorcaríase coa cuarta cidade da provincia. Hoxe cumprimos ese compromiso”.

Tanto o delegado de Zona Franca como a alcaldesa de Redondela, amosaron o seu convencemento de que do Centro de Negocios “será á ferramenta necesaria para a creaciónk de emprego”. Agora máis que nunca, insistiu Regades, “as administracións temos que poñer todos os nosos recursos e mecanismos para apoiar a xeración de emprego, a economía e manter e estabilizar un salario en cada un dos fogares”.

Digna Rivas, logo de dar as grazas a David Regades “que unha vez máis demostra que cumpre todos e cada un dos compromisos que adquire”, sinalou a importancia desta iniciativa “que marcará un antes e un despois para o desenvolvemento económico do municipio”.

“A Zona Franca e como , ben sinalou David Regades, unha das ferramentas máis importantes –senón a máis importante– que ten o noroeste peninsular para o desenvolvemento economómico e Redondela, agora, poderá contar con esa axuda para o despegue da súa economía, a mellora da competitividade das súas empresas e a xeración de emprego”, apuntou Rivas.

A rexedora local expresou tamén a súa satisfacción por ver cumprida “unha dos proxectos que, dende a miña chegada á alcaldía, foi unha prioridade: dar un espazo para que emprendedoras e emprendedores puideran desenvolver os seus proxectos e que fora un elemento de dinamización económica e empresarial”.

“O tempo vai poñendo a cada quen no seu lugar –afirmou Digna Rivas– e cando nos falamos de traballar pola gratuidade de Rande, ou fomentar o emprego e apoiar ás nosas empresas e persoas emprendedores, o facemos como se debe facer, con traballo, sen grandes alardes e conseguindo que sexan compromisos firmes publicados no BOE”

Outros, rematou a alcaldesa de Redondela, “prefiren infografías, e visitas institucionais cheas de promesas baleiras e palabras ao aire” e mentres “ignorar descaradamente necesidades urxentes da veciñanza, como o caso da seguridade viaria de Angorén e Cesantes, que logo de décadas de protestas, ven agora solucionadas por este Goberno en pouco máis dun ano”.