Xela Arias, autora á que se dedica este ano o Día das Letras Galegas, será obxecto dunha iniciativa radiofónica que poñen en marcha as Bibliotecas Municipais de Redondela e que, baixo o nome Xela a Diario –chiscadela á obra ‘Darío a Diario’– emitirase na Radio Municipal de Redondela, baixo a dirección da narradora e dinamizadora cultural Ana Facchini.

O programa emitirase diariamente, de luns a venres, ás 11 horas e despois dos informativos das 14 h e 17 horas. Amais, durante as fines de semana, tamén será difundido pola Rede de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA).

Xela a Diario –que se desenvolverá en dúas fases, a primeira delas do 5 ao 30 de abril e a segunda no mes de maio– reúne en cada un dos espazos, duns dez minutos, unha breve contextualización sobre a vida e obra da escritora e a lectura dos seus poemas na voz da propia Ana Facchini e de distintos persoeiros do mundo da cultura así como de calquera persoa que desexe enviar os seus audios ás Bibliotecas Municipais de Redondela ([email protected] )([email protected])
O obxectivo primeiro desta iniciativa é tratar de dar a coñecer ao público en xeral, tanto a produción poética, como o resto da traxectoria profesional de Xela Arias; en especial, aquelas facetas máis descoñecidas, pero tamén ofrecer unha aproximación á Xela muller e ao seu lado máis humano.
Redondela, ademais, ten unha vinculación afectiva con Xela Arias plasmada no nomeamento da biblioteca de Chapela co nome da autora, no ano 2018.”