Domingo, 4 Maio de 2025

Vinte persoas en situación de desemprego poderán formarse no obradoiro dual ‘Redondela máis que bela’

A iniciativa, realizada a través dun convenio coa Consellería de Igualdade e Emprego, contará coas especialidades de Canteiría e Forestal-Xardinería e terá unha duración de nove meses

Un total de 20 persoas en situación de desemprego do municipio de Redondela participarán no obradoiro dual ‘Redondela máis que bela’, logo de que a Consellería de Igualdade e Emprego da Xunta de Galicia confirmase a concesión dunha subvención de 346.946 euros para a realización desta iniciativa formativa, importe ao que se engade a achega municipal de 62.500 euros.

‘Redondela máis que bela’ contará con dúas especialidades formativas, Canteiría e Forestal-Xardinería, de dez alumnos/as cadansúa (20 en total). Para poder participar é requisito imprescindible que as persoas estean en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e que, como mínimo, teñan formación regrada suficiente para cursar un certificado de profesionalidade de nivel 2 (mínimo ESO ou equivalente).

Segundo adiantou a concelleira de Emprego, María Castro, co alumnado deste obradoiro de emprego poderán levarse a cabo “traballos que, amais de permitirlles acadar unha cualificación profesional, beneficien ao conxunto de cidadanía” xa que realizarán traballos de mellora no Lavadoiro de Laredo de Laredo de Arriba, en Chapela; na contorna do Pavillón Municipal de Deportes de ‘A Marisma’, no Paseo do Pexegueiro e na Finca de Pousadouro.

As persoas interesadas poderán obter máis información no Teléfono 986 402 664, de 9:00 h a 14:00 h e nas oficinas do Servizo Público Emprego de Galicia, de Redondela e Chapela.

A duración do proxecto será de 9 meses as e os participantes terán un contrato para a formación e aprendizaxe e percibirán, polo tanto, o correspondente salario.

“Estas iniciativas –sinalou a alcaldesa Digna Rivas– permiten que as nosas veciñas e veciños en situación de desemprego, poidan contar coas ferramentas que lles permitan unha cualificación profesional e, por tanto, sexa máis doada a súa incorporación ao mundo laboral”.