Domingo, 4 Maio de 2025

Unha persoa excarcerada tras unha colisión entre un turismo, unha furgoneta e un camión en Redondela

Unha colisión múltiple na que se viron implicados un turismo, unha furgoneta e un camión que transportaba madeira saldouse a tarde de onte en Redondela cunha persoa ferida, que tivo que ser excarcerada por os membros do Servizo de Emerxencias e Incendios de Redondela e os Bombeiros do Porriño.

Concretamente, foi o condutor do turismo o que resultou ferido e, para liberalo, os servizos de emerxencia fixeron uso do material de excarceración, ao quedar atrapado no interior do vehículo. Posteriormente, o home foi trasladado ao centro médico de referencia.

O accidente produciuse no punto quilométrico 137 da N-550, ao fío das 13:20 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do suceso. Engadía no seu relato que podería haber persoas atrapadas.

Axiña, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Porriño, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, do Servizo de Emerxencias e Incendios de Redondela, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Ademais, o persoal do 112 Galicia informou do ocorrido aos Bombeiros de Vigo e ao servizo de mantemento da estrada, que se encargou de asegurar as condicións de seguridade na estrada.