SAR Plastic Omnium de Redondela e Club Balonmán Chapela protagonizarán este vindeiro sábado, 18 de setembro, a partir das 18 horas, un emocionante partido na disputa do II Trofeo Redondela de Balonman.
Por mor das medidas de seguridade sanitaria vixentes, o encontro, que terá lugar no pavillón ‘La Bombonera’ de Redondela, terá aforo reducido e restrinxido ás e aos socios de ámbolos dous equipos que poderán solicitar as súas entradas no WhatsApp 620 23 10 51 ata o venres 17 de setembro.
Nesta cita do balonmán redondelán, o Concello terá un especial recoñecemento a Daniel Virulegio, quen proclamouse Medalla de Bronce coa selección nacional Sub19, no Campionato de Europa disputado este pasado mes de agosto en Croacia e onde, o combinado español, impúxose a Eslovenia nun trepidante partido.
Daniel Virulegio, que deu os seus primeiros pasos no SAR de Redondela, é actualmente xogador do Club Cisne de Balonmán de Pontevedra con quen, aínda en idade xuvenil, debutou na Liga Asobal 2020/2021, no partido fronte ao FC Barcelona, para posteriormente xogar un total de 8 partidos, na Liga SACYR ASOBAL.
O concelleiro de Deportes, Nacho González, salientou a importancia do Trofeo Redondela de Balonmán “que supón unha magnífica ocasión para comprobar o excepcional estado de saúde do balonmán redondelán”. Tanto o concelleiro de Deportes como a alcaldesa, Digna Rivas, lamentaron “que a actual situación sanitaria impida que o público encher ‘La Bombonera’ para gozar deste auténtico espectáculo deportivo”.
Rivas subliñou que o caso de Daniel Virulegio, “que comezou no SAR Redondela, é a mostra do altísimo nivel que ten o balonmán no municipio”.