Sábado, 3 Maio de 2025

Todo disposto en Redondela para recibir a visita dos Reis Magos

A pesar da situación marcada pola alerta sanitaria, as súas Maxestades de Oriente compartirán un tempo cos nenos e nenas de Redondela nunha cabalgata estática que será retransmitida a través das redes sociais do Concello

“A crise sanitaria da COVID-19 que durante o pasado ano 2020 privounos de moitas cousas, non impedirá que as nenas e nenos de Redondela poidan gozar da chegada dos Reis Magos”. Así o aseguraban a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Eventos, Marta Alonso, na presentación da programación de Nadal.

Así que, con todas as medidas de seguridade que os propios Magos de Oriente esixiron ao Concello redondelán, nenos e nenas poderán gozar dunha cabalgata estática que, pese a ser atípica, encherá aos máis pequenos e pequenas de ilusión nunha das xornadas máis ‘máxicas’ do ano.

Redondela

Os Reis Magos estarán en Redondela, no Campo da Feira, o día 5 de xaneiro en horario de 11 h a 14:30 horas e de 16 horas ao peche. Para evitar aglomeracións, haberá sinais de distanciamento entre os grupos familiares que terán dous itinerarios de entrada e un de saída. Persoal municipal engargarase de controlar, en todo momento, o aforo e o cumprimento das medidas de seguridade.

Chapela

Os Reis Magos, tamén estarán na tarde do día 5 en Chapela, na Alameda Rosalía. A súa cualidade de Magos fai posible que tamén reciban aos nenos e nenas no mesmo horario de 11 h a 14:30 horas e de 16 horas ata o peche. Ao igual que en Redondela, haberá un punto de entrada e un de saída para evitar cruces de persoas e estableceranse distancias obrigatorias entre grupo para permitir que, pequenos e pequenas, poidan poidan gozar da visita real con seguridade.

Parroquias

De cara a evitar que os nenos e nenas que viven nas diferentes parroquias de Redondela teñan que facer desprazamentos, os Reis percorrerán todas e cada unha delas para encher de ilusión esta xornada especial para cativos e cativas. Así que as súas Maxestades de Oriente visitarán Cesantes, Cedeira e Reboreda entre as 16 h e as 17:30 horas; O Viso de 17:30 h a 19 horas; Santo Estevo de Negros e Quintela de 17:30 h a 18:30 horas; Cabeiro e Saxamonde entre as 18:30 h e as 19:30 horas; Ventosela de 19 h a 20:30 horas; e, finalmente, Trasmañó e Vilar entre as 19:30 h e as 20:30 horas.