Domingo, 16 Febreiro de 2025

Rematan as «Vacacións con Traballo» en Mozambique dun técnico ambiental do Concello de Redondela

Jesús Bravo colaborou durante un mes coa «Fundação Encontro» para mellorar a xestión do lixo nas comunidades da man do Fondo Galego de Cooperación

Jesús Bravo, técnico medioambiental do Concello de Redondela vén de rematar a súa estancia dun mes en Mozambique, tempo no que estivo asesorando aos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en materia de xestión do lixo. A través das Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido aos cadros das administracións locais socias da entidade, Bravo colaborou coa ‘Fundação Encontro’ para promover a separación, reutilización e reciclaxe dos residuos nas comunidades.

Regreso cunha mochila máis baleira de prexuízos e medos, e repleta de grandes vivencias, de moitísimas emocións, desa aprendizaxe que non se atopa nos libros”

“Regreso cunha mochila máis baleira de prexuízos e medos, e repleta de grandes vivencias, de moitísimas emocións, desa aprendizaxe que non se atopa nos libros”, comentou o voluntario á súa volta. “O obxectivo deste proxecto era compartir coñecementos e experiencias profesionais; logo do vivido e transmitido podo asegurar que esas metas foron acadadas plenamente”, engadía ao facer balance da estancia.

O labor de Jesús Bravo centrouse en ofrecer charlas de concienciación sobre o mellor xeito de xestionar o lixo, evitando sobre todo os vertedoiros incontrolados a ceo aberto. Axudou a instalar recipientes para separar os residuos e asesorou sobre o emprego da materia orgánica como compost, chegando a comprobar como a veciñanza poñía en práctica estas suxestións.

Tamén realizou varias actividades na Casa do Gaiato, fogar de preto de 200 nenos, supervisando a retirada de plásticos nas zonas de cultivo e organizando ‘brigadas antilixo’ cos cativos. Traballou asemade con activistas da Fundação Encontro, que agora se encargarán de darlle continuidade a este labor tanto a nivel interno como nas aldeas.