O Concello de Redondela vén de distribuír, entre a totalidade de farmacias do municipio, máscaras homologadas de protección FFP1 destinadas ás persoas consideradas “de maior risco ao COVID-19 por padecer problemas respiratorios, cardíacos ou na franxa de idade de maiores de 70 anos”.
O Goberno redondelán, logo de manter reunións cos responsables de todas as farmacias do municipio, optou porque sexan estas as que distribúan ditas máscaras “ao considerar que as e os profesionais da farmacia son os máis cualificados para o seu reparto”. De feito, sinala a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “a gran maioría das farmacias tiñan xa un listado previo de persoas de risco, con diversas patoloxías, que estaban a espera destes elementos de protección que agora proporciona o Concello”.
[su_image_carousel source=”media: 14124,14125,14126″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Trátase, explica o Goberno local, “de adoptar medidas para protexer, nestes momentos, a aqueles e aquelas que máis o precisan”. De feito, sinala o executivo redondelán, “non foi doada a adquisición de mascaras de protección homologadas” polo que, a medida que se vaian facendo novas compras, ampliarase o seu ámbito de distribución “dependendo tamén da evolución da crise sanitaria do COVID-19 e seguindo as indicacións tanto da Xunta de Galicia como do Goberno da nación”.
Digna Rivas quixo expresar ás farmacias de Redondela e ás e os seus profesionais, polo interese amosado nesta iniciativa “dende o primeiro momento, conscientes da importancia que esta iniciativa ten para as persoas máis vulnerables dende o aspecto sanitario”.