Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela renovará a praza de abastos para convertela “nun espazo vivo e dinamizador da economía local”

Unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas, o Concello manterá reunións con praceiros e praceiras “para acadar un proxecto consensuado no que estean implicados todas e todos os profesionais da praza de abastos”, afirma Digna Rivas

O Concello de Redondela ten a intención de converter o mercado de abastos municipal nun espazo dinámico e vivo que “exerza como auténtico motor da dinamización comercial e económica do municipio”. Unha vez que as empresas presenten os seus proxectos, –o prazo remata o vindeiro 28 de agosto– o Goberno local manterá reunións cos praceiros e praceiras para que poidan facer as súas achegas e propostas e acadar un proxecto consensuado.

A intención do Goberno que preside Digna Rivas é potenciar esta instalación que, debido a súa situación privilexiada no centro de Redondela, o converte nun elemento perfecto para a reactivación comercial da vila. Búscase, a maiores, potenciar os usos da instalación creando, na planta superior do mesmo, novas oportunidade de negocio como poden ser establecementos de restauración ou similares, xerando dese xeito novas actividade e contribuíndo a fortalecer o comercio local.

Ao igual que se fai nas grandes áreas urbanas, o mercado redondelán, explica a alcaldesa Digna Rivas “manterá na planta baixa a zona de praza mentres que a planta alta ofrece o espazo idóneo para crear unha zona multifunción na que convivan diferentes postos e actividades, creando un punto de encontro e convivencia con cafetería”. Estes dous espazos poderán ser utilizados de xeito independente ou combinarse en función das necesidades.

A zona de postos, nos que se distinguirán os clásicos postos de produtos do mar, postos de produtos cárnicos ou derivados e postos de froitas e hortalizas, ocuparán a planta baixa do edificio na súa totalidade. Eliminaranse todos os cerramentos actuais, e dispoñerase un conxunto de postos de mercado cunha envolvente continua de madeira ou outro material, cun espazo mellor distribuído, onde os espazos libres amplíense e permitan unha maior comodidade e accesibilidade para o goce dos usuarios.

A planta alta, con uso independizado da planta baixa, albergará unha zona polivalente onde convivirán postos como cafetería, panadería, venda de produtos varios e unha zona de encontro e convivencia que permita a celebración de pequenos eventos, conferencias, exposicións, concertos co fin de dinamizar e fortalecer o comercio.

En todo caso, explica a alcaldesa Digna Rivas, “o proxecto definitivo sairá das reunións que se manteñan cos praceiros e praceiras e terá en conta as súas achegas, ideas e propostas”. O que se pretende, engade a alcaldesa “é crear un espazo que non só dea o servizo que actualmente presta, senón que poida converterse no eixo arredor do que xire a recuperación e dinamización comercial de Redondela”. Non é só un proxecto deste Goberno –finaliza Rivas– senón que ten que se un proxecto tamén das e dos profesionais que traballan na praza de abastos e que, como tales, coñecen como ninguén as súas posibilidades e necesidades”.