8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela reforza os servizos de emerxencias coa aprobación plenaria de creación do...

    Redondela reforza os servizos de emerxencias coa aprobación plenaria de creación do GES Redondela-Mos

    O novo GES permitirá contra con seis efectivos permanentes en Redondela

    O Pleno do Concello de Redondela, reunido en sesión extraordinaria, aprobou o pasado xoves, cos votos a favor do Grupo Municipal Socialista e PP, o convenio de creación do GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) Redondela-Mos, co que o concello redondelán pasará a contar cun total de 6 efectivos de xeito permanente.

    O convenio, redactado pola Xunta de Galicia e apoiado pola FEGAM (Federación Galega de Municipios e Provincias) e a Deputación de Pontevedra, supón un mínimo custo para as arcas municipais xa que a subvención do mesmo “cubre as novas contratacións –para sumar aos efectivos xa existentes–, e permite reforzar os medios materiais”, sinalou o Grupo Municipal Socialista.

    A alcaldesa Digna Rivas asegurou que, se ben “non é o convenio ideal, si permite dar un primeiro paso no obxectivo de contar cun servizo de emerxencias adecuado á importancia de Redondela”. Nese sentido lembrou que xa na oposición e dende facía 8 anos, “dende o PSOE víñamos reclamando ao entón Goberno do PP o reforzo deste servizo” algo que, aclara Digna Rivas, “o goberno popular puido facer no ano 2013 de ter levado a pleno este mesmo convenio. Os motivos polos que non o fixo, habería que preguntarllos a eles”.

    Nese punto insiste a rexedora local que “seguiremos loitando para que Redondela poida contar cun servizo de emerxencias acorde coa importancia, extensión e poboación do municipio. É un obxectivo irrenunciable para este Goberno”

    Cómpre salientar que un ano antes, no 2012, o Goberno popular levaba a pleno “unha especie de proxecto piloto de tan só tres meses de duración e con contratacións ‘a dedo’, algo ao que naquel momento os e as socialistas opuxémonos tanto polo sistema de contratación como por tratarse dun parche que non aportaba ningunha solución”.

    “Aprobamos este convenio por responsabilidade, porque Redondela necesita un GES capaz de cubrir as súas necesidades e porque teríamos que explicar á cidadanía o motivo de rexeitar unha subvención de 136.371 euros para a súa creación”, apuntou Rivas quen, ao mesmo tempo, saíu ao paso de determinadas informacións “tan tendenciosas como falsas” nas que se aseguraba que Redondela asumiría os gastos de catro concellos.

    “O GES de Redondela cubrirá emerxencias en Pazos en Soutomaior, sempre que as circunstancias o permitan e dando lóxica prioridade aos sucesos que acontezan no noso municipio, aínda que non comparto que estes dous concellos poidan beneficiarse do servizo, sempre que sexa posible –insistiu– e que non acheguen ningunha contraprestación económica”.

    Digna Rivas ten claro que todo isto teríase evitado “coa posta en marcha da Área Metropolitana á que, por motivos claramente partidistas, opúxose o Partido Popular e o exalcalde de Redondela, antepoñendo eses intereses ao ben xeral da veciñanza”.

    En canto a un convenio co Concello de Vigo, a alcaldesa redondelá lembrou que foi ela “a que desbloqueou a situación de enfrontamento que o anterior Goberno tiña coa alcaldía de Vigo establecendo un borrador de protocolo”. Hai que aclarar, engadiu Digna Rivas, “que nese caso, ao igual que agora faremos nós, as emerxencias de Vigo terían prioridade sobre as que aconteceran aquí”.

    A alcaldesa de Redondela restou importancia ao voto en contra de AER, os seus socios de Goberno, ao sinalar que “este é un Goberno formado por dous partidos que conflúen na maioría dos temas pero noutros, como é neste caso, temos puntos de vista distintos”. O lóxico, engadiu, “é que cada un defenda a súa postura sen que iso supoña problema algún porque entra dentro do xogo democrático”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.