Venres, 9 Maio de 2025

Redondela reforza o servizo de a limpeza e desinfección en rúas e espazos públicos

O Equipo de Goberno vén de anunciar un reforzo dos equipos de limpeza e desinfección de lugares que rexistran máis tráfico de persoas como a contorna do Centro de Saúde, supermercados ou farmacias

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, anunciou a posta en marcha, dende este luns, de medidas de reforzo aos equipos de hidrolimpeza e desinfección que xa viñan actuando en Redondela dende o inicio do estado de alarma. Ao servizo que funcionaba ata agora, engádese un camión de emerxencias para as rúas e prazas tanto do casco urbano coma das parroquias, e un vehículo máis pequeno que se ocupará de realizar os traballos de desinfección nas rúas secundarias.

Este reforzo, subliña Digna Rivas, “permitirá ampliar máis os traballos de limpeza e desinfección que xa estaban desenvolvendo operarios municipais dende o inicio do estado de alarma”. Trátase, sinalou a rexedora local, “de priorizar a desinfección e limpeza de lugares nos que se poida dar unha maior afluencia de persoas, como a contorna do Centro de Saude, supermercados e tendas de alimentación ou mesmo farmacias”.

O procedemento de limpeza e baldeo é o que marcan as autoridades competentes, cos medios e produtos desinfectantes indicados “e que se aplican seguindo escrupulosamente as normas”, sinalou o Equipo de Goberno que destacou “o enorme esforzo que están a realizar moitos dos traballadores e traballadoras do Concello, que están a dar un gran exemplo de compromiso desenvolvendo unha labor imprescindible nestes duros momentos”.