11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela presenta un Entroido de referencia en toda a comarca

    Redondela presenta un Entroido de referencia en toda a comarca

    A alcaldesa Digna Rivas, acompañada polo concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa e pola concelleira de Eventos, Marta Alonso, presentou un programa "familiar que aúna tradicións, festa, animación e moita diversión"

    A Casa do Concello de Redondela acolleu, na mañá de hoxe, a presentación do programa do Entroido 2020, unha programación que, en palabras da alcaldesa Digna Rivas, “é variada e para toda a familia” e que busca “seguir manténdose como unha festa de referencia de Redondela e da súa contorna e unha das de maior afluencia de público do municipio”.

    A alcaldesa, que estaba acompañada polo concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa e pola concelleira de Eventos, Marta Alonso, adiantou o contido dun programa que engloba “tradicións, festa, animación e moita diversión”.

    O programa de Entroido arrancará na tarde do sábado 22 de febreiro coa programación infantil xa que, para os nenos e nenas, haberá inchables, obradoiros e unha actividade musical a cargo de Paco Nogueiras que fará as delicias dos máis pequenos e pequenas co espectáculo Brica Vai.

    O domingo 23 chega unha das novidades da programación, co concerto de Cé Orquestra Pantasma e a grabación dun flashmob. Xa pola tarde, o programa dará paso ao tradicional desfile de comparsas dende o Campo da Feira ata Vilavella, un desfile que, afirmaba Digna Rivas, “encherá as rúas de vida, animación e cor”.

    O programa reforzarase o martes 25, Martes de Entroido, con animación dende primeiras horas da tarde coa charanga Mekánica Rolling Band e Latexo Percusión, mentres o público goza do concurso de disfraces. As 19 horas dará comezo o espectáculo Vatra da compañía de performances de Pablo Méndez, un espectáculo que, como sinala o propio Méndez, “mestura acrobacias, baile e música en directo”. Vatra recalcaba Pablo Méndez, “está ideado expresamente para este Entroido de Redondela 2020” e polo tanto é un espectáculo totalmente novo que nada ten que ver con os que a mesma compañía desenvolveu en anteriores ocasións.

    Unha das novidades da programación será o concerto que, despois da queima do meco terá lugar na Alameda Castelao e que correrá a cargo do grupo ferrolán Nuevo Plan. Este concerto, sinalaron Digna Rivas e Daniel Boullosa, reforzará a programación do martes de Entroido “alongando o fin de festa con respecto a anteriores edicións”.

    A sorte que ten o municipio de Redondela é a de contar, entre outras cousas, con dous Entroidos. Rematado o da vila, o sábado 29 terá lugar en Chapela o tradicional enterro do Berete que, tristemente e entre mostras de dor do público, será queimado na praia de Arealonga acompañado polo espectáculo Vatra.

    Ao igual que en Redondela, Chapela tamén contará cun concerto de fin de festa que correrá a cargo de Boken Peach e que terá lugar no paseo marítimo.

    Digna Rivas, Daniel Boullosa e Marta Alonso explicaron tamén a figura reivindicativa do Meco. Sinalábase na presentación do programa que o Goberno local “tiña moi claro cal tiña que ser esa reivindicación que non é outra que o destrozo que a Autoridade Portuaria de Vigo pretende facer na parroquia de Rande coa intención de facer un depósito de contedores”.

    O meco quedará exposto na Praza do Concello dende o vindeiro 17 de febreiro e quere ser “a visibilización da rotunda oposición do Concello a esa obra que –sinalou a alcaldesa Digna Rivas– atenta contra o noso patrimonio industrial, cultural, contra a rede natura e a calidade de vida dos veciños e veciñas da parroquia de Rande”.

    Daniel Boullosa sinalaba, pola súa banda “a boa marcha” das inscricións no concurso de comparsas “que xa superan as 20” cando aínda non rematou o prazo, que permanecerá aberto ata o 14 de febreiro. Este ano, preséntase como novidade entre os premios que se outorgarán, o Premio Retranca que valora á comparsa que mellor exprese con segundas intencións e humor a actualidade, “dentro dun marco de respecto e educación” sinalou o concelleiro.

    Digna Rivas agradecía, finalmente, o traballo desenvolvido polo alumnado do obradoiro de deseño gráfico, que foron os encargados de elaborar o cartaz anunciador e o díptico, un traballo que beneficia ao Concello, sinalouse, “ao mesmo tempo que se forman nunha nova disciplina”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.