Mércores, 11 Decembro de 2024

Redondela pon en marcha o programa de dinamización ‘Vive agosto na praia’

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asistía esta semana á posta en marcha do programa de dinamización nas praias que, baixo o nome xenérico de “Vive agosto na praia” busca ofrecer á veciñanza actividades diversas “para todos os públicos e todas as idades” a desenvolver nos areais de Cesantes e Chapela.

Trátase, segundo explicou a rexedora local, de ofrecer a veciños e veciñas actividades lúdicas “coas que rematar unha xornada de praia” cando o calor xa comeza a diminuír, momento no que “as nosas praias ofrecen un marco idóneo para o desenvolvemento de calquera actividade”.

“Vive agosto na praia” é un programa pensado, fundamentalmente, para a veciñanza de Redondela “de aí que para a súa celebración collamos dous días de semana e non as fines de semana cunha masiva afluencia de público, non só de Redondela, senón doutros municipios da zona que buscan gozar dunhas praias privilexiadas como as nosas”.

As actividades están deseñadas para adaptarse a todos os gustos e todas as idades “de xeito que ninguén quede excluído de poder participar” e se desenvolverán, todas as semanas deste mes de agosto, nas praias de Cesantes e Chapela de 19 h a 20 horas

Este programa, polo tanto, cumpre o dobre obxectivo de “ofrecer actividades de lecer para as veciñas e veciños e, ao mesmo tempo, poñer en valor o noso patrimonio natural, neste caso, as nosas praias”, conclúe Digna Rivas.