Martes, 10 Decembro de 2024

Redondela paraliza a instalación do local de apostas “ata que non presente a licencia de instalación”

O Concello de Redondela vén de comunicar á empresa Unión de Operadores Reunidos que deberá paralizar calquera tipo de obra que se estea a realizar no local situado na Avenida Ernestina Otero, 47 de cara a adaptalo a salón recreativo e de xogo, “en tanto non presente a solicitude de licenza de instalación da actividade con comunicación previa de obra”, segundo figura no informe emitido, a petición da Alcaldía de Redondela, pola Técnica de Urbanismo do Concello.

Unha vez que a empresa reciba a comunicación do Concello, explica a alcaldesa Digna Rivas, “non poderá realizar ningún tipo de obra no local ata non dispoñer da documentación que se require, segundo a normativa municipal, a calquera negocio para poder desenvolver a súa actividade”.

De feito, a comunicación do Concello de Redondela remitida á empresa e clara ao sinalar que “non poderá executar a obra ou iniciar a actividade ata que obteña a preceptiva licenza de apertura e posta en funcionamento”, advertíndolle que no caso de executar calquera obra no local “requirisáselle para que proceda de inmediato a súa paralización coas advertencias propias dos procedementos de reposición da legalidade urbanística e sancionadores”.

Digna Rivas que comparte “como alcaldesa e como nai a preocupación dos veciños e veciñas pola instalación deste tipo de locais” recoñece que os concellos teñen “escaso marxe de manobra” unha vez que as empresas presenten toda a documentación que lle esixe a legalidade vixente para a posta en marcha do seu negocio, documentación que, apunta, “será estudada con minuciosidade por parte dos departamentos técnicos do Concello”.

A alcaldesa de Redondela, adiantou que en vindeiras datas manterá unha reunión coas ANPAS e a comunidade educativa dos diferentes centros escolares “para dar conta, polo miúdo, de toda a información que precisen sobre este tema”.

Rivas subliñou a necesidade de que por parte da Xunta de Galicia, se estableza “unha zona de exclusión para o funcionamento deste tipo de locais, de xeito que non poidan facelo nas inmediacións de centros escolares, parques infantís ou lugares onde habitualmente reúnase á mocidade”.