Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela organiza un flashmob contra a violencia de xénero

Dentro da programación co gallo do 25N, a Concellería de Igualdade do Concello de Redondela, que dirixe Iria Vilaboa, convida á veciñanza de todas as idades a participar na actividade Danza na Rúa contra a Violencia Machista. Trátase dunha flashmob participativa que se celebrará o domingo 26 de novembro ás 12.00 horas na praza de Ponteareas.

O tema escollido para esta ocasión é Lisístrata (Varre vasoira) de Fillas de Cassandra. A coreografía, realizada por Pau Izard, pode consultarse na páxina web do Concello de Redondela e nas redes sociais. No titorial están todos os pasos de baile e as explicacións realizadas pola propia coreógrafa.

Na actividade participará o alumnado dos diferentes grupos e escolas de baile do municipio, e a concelleira anima tamén á veciñanza de todas as idades “a practicar o baile coa familia e amigos e unirse a esta celebración contra a violencia machista”. No caso de chuvia a actividade trasladarase ao pavillón municipal de Redondela.