Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela organiza outra xornada de kaiak educativo-ambiental pola enseada de San Simón

O Concello de Redondela, dentro da posta en valor dos espazos naturais da rede Natura 2000, pon en marcha saídas en kaiak para coñecer e gozar dun espazo natural único no mundo.

A actividade

A actividade consiste na valoración da contorna natural de forma activa, disfrutando e navegando as súas augas, e mostrando todos os valores que posúen estas e os seus ecosistemas asociados a biodiversidade da enseada. Realizaranse paradas divulgativas na illa de San Simón, na batea, no illote das Corveiras, no monumento ao Capitán Nemo (tentando observar o bosque de zoostera ou sebe que se atopa nas inmediacións), e outras segundo as inquedanzas do público e as posibilidades da xornada.

Desta forma poderanse observar e coñecer de primeira man o valor deste espazo da Rede Natura 2000.

 A actividade estará dirixida por:

  • Un educador ambiental
  • Monitores de kaiak (que se encargarán do control do grupo, de axudalos a manterse unidos ao grupo, de remolcar aos usuarios que se cansen e de dinamizar e animar o servizo).

Normativa e seguranza

A actividade conta cos permisos necesarios para a súa realización, e o seguro de R.C. e póliza de accidentes con especificación de seguro de rescate.

Saída do Porto de Cesantes as 10:00 horas do sábado 19 de xuño.

Prezo da actividade bonificada: 15€

Venta de entradas na Casa do Concello, na oficina de turismo, no horario de 11:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 19:00 horas.