O martes 9 de marzo, Redondela acollerá as I Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero», unha iniciativa que nace co obxectivo de ser un foro de debate aberto sobre todos aqueles temas que permitan poñer en valor o papel da muller na sociedade e a súa loita por acadar unha igualdade real como único camiño para conseguir unha sociedade máis xusta.
A alcaldesa e concelleira de Igualdade, subliñou a importancia da creación destas Xornadas de Muller e Igualdade Gemma Pereira Otero, que servirá “para poñer o foco de atención sobre o papel da muller na sociedade e a importancia que ten a igualdade para acadar unha sociedade máis xusta e, polo tanto, máis decente”.
“Queríamos –dixo Digna Rivas– que este foro que agora nace e que se desenvolverá todos os anos con diferentes temáticas, levara o nome de Gemma Pereira Otero, unha redondelá posiblemente descoñecida para a maioría da veciñanza, pero que foi unha das primeiras mulleres pioneiras en estudar unha carreira de ciencias e a primeira muller que rexentou unha farmacia en Redondela, un campo ata o momento restrinxido aos homes”.
“Con ese nome queremos non só dar a coñecer a súa figura, senón perpetuar o seu legado cunhas xornadas que poñan sobre o tapete de debate todos os temas que afectan directamente á muller, visibilizalos e contribuír a construír un camiño igualitario”.
As Xornadas, iniciativa da Concellería de Igualdade que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, desenvolveranse nesta primeira edición coa colaboración da Asociación AMA. Baixo o nome xenérico de ‘Arte de Vivir, o parto e nacemento, motivo de creación social e artística’ se achegará ao público “un movemento artístico-creativo para afondar en todos os ciclos vitais e no equilibrio entre o feminino e masculino que hai en cada ser”.
Nesa filosofía de traballo, o martes 9 de marzo, haberá unha xornada “promotora de debate e pensamento” que por motivo das medidas de seguridade sanitaria dadas pola actual situación de pandemia, se desenvolverán en formato online.
Logo da apertura da rede para conferenciantes e asistentes en liña que terá lugar de 9 h a 9:15 horas, a alcaldesa de Redondela Digna Rivas e a doutora Igualdade Marina Iglesias Bernardez, presidirán o acto oficial de apertura das xornadas.
De seguido, Maria Rivas Couceiro e María Romero Morillo presentarán o movemento ‘Arte de Vivir’ que dará paso ás xornadas propiamente ditas. Nelas, de 10 h a 11:45 horas, desenvolverase a primeira mesa redonda que levará por título “Desde o parto e crianza; Construír Igualdade, redes e novas realidades”, na que participarán como relatoras Montse Catalán Morera; Carmen Tejero Lainez e Carmen Escrivano Maíllo ás que se sumarán posteriormente para o debate Luna Brigantia: Marta Bernárdez Carbón y Carmen Amorín Pedrosa; Gaia ecocrianza e MaterFEM: Sabela Losada Cortizas.
Tras unha pausa para o café, ás 12 horas comezará a segunda das mesas redondas co tema O saber maternal como legado e transmisión cultural” e na que participarán Ana Filgueiras Rei e Núria Pereira Martínez. O acto rematará cun debate e rolda de preguntas das persoas asistentes en liña.