Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela oferta roteiros durante o mes de setembro

A alcaldesa Digna Rivas salienta a “transversalidade” sobre a aposta do ecoturismo e o medioambiente co nacemento deste programa que comezou en xullo “con moi boa acollida por parte da veciñanza e visitantes que se achegan a Redondela”. No programa traballan conxuntamente as Concellerías de Medio Ambiente, que dirixe Pilar Martínez, Turismo, a cargo de Rita Pérez, e a Concellería de Sostibilidade, que ostenta Roberto Villar.

A edil de Medio Ambiente, Pilar Martínez, destaca o valor destas actividades “para concienciar á cidadanía, especialmente aos máis pequenos, con roteiros que lles permiten coñecer o patrimonio natural do municipio”. A concelleira de Turismo, Rita Pérez, explica que estas saídas ambientais “promoven un turismo responsable ao tempo que dan a coñecer os recunchos e atractivos turísticos de Redondela”.

A primeira das actividades deste mes será o luns, 4 de setembro, coa visita guiada “A vila pola tardiña” que é de balde. O xoves 7 de setembro está organizada unha ruta en kaiak pola enseada, cun prezo subvencionado de 15 euros, que se repetirá o domingo día 10 de setembro. O venres día 8 a saída consistirá nun paseo nocturno por Cesantes e o sábado día 9 os roteiros ambientais desprázanse a Chapela para percorrer as beiras do río Fondón, ambas actividades de balde.

Roberto Villar, concelleiro de Sostibilidade, destaca a importancia de poñer en valor “os recursos ambientais de Redondela, tanto no seu litorial como nos cursos fluviais e o resto de patrimonio natural do municipio”.

As actividades precisan de inscrición previa na oficina de turismo, na rúa Isidoro Queimaliños, no teléfono 986 401713 ou no enderezo [email protected].