Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela leva aos institutos a necesidade de traballar pola igualdade con ‘Non deixes que te enREDen’

A Concellería de Igualdade quere poñer o foco de atención na violencia sexual, física ou psicolóxica nas parellas de adolescentes e nas redes sociais

“A loita pola igualdade e a erradicación da violencia machista ten que comezar polo ensino e inculcar eses valores entre a poboación máis moza”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas que onte asistiu no IES Illa de San Simón a unha das charlas que, baixo o lema ‘Non deixes que te enREDen’, quere poñer de manifesto a gravidade da violencia machista entre parellas adolescentes.

As charlas, que comezaban o luns 22 no IES de Chapela continuaban o martes, 23 de novembro no IES Floriani para desenvolverse onte mércores 24 de novembro no IES Illa de San Simón e pecharse, o venres 26 de novembro, no IES Mendiño.

A Concellería de Igualdade, que xestiona Iria Vilaboa, insistiu na importancia que ten o feito “que a poboación máis interiorice a necesidade de acadar unha igualdade real entre homes e mulleres como paso fundamental para erradicar a violencia machista”.

A diminución da idade nas agresións sexuais e a violencia machista nas súas máis diversas facetas –violencia psicolóxica, física, control, chantaxe ou acoso a través das redes sociais– é un feito e “só con iniciativas que involucren ao sector máis novo da sociedade, seremos quen de conseguir eliminalas e comezar a construír un mundo máis xusto e unha sociedade máis igualitaria e decente”, afirmou a alcaldesa de Redondela.

Digna Rivas lémbralle a mocidade que o que se escribe nas redes sociais ou mensaxes que se intercambian polos sistemas de mensaxería instantánea, “poden ser tamén constitutivas de violencia machista”. A alcaldesa e a concelleira de Igualdade insistiron en que “aínda que a violencia física é a máis visible, outras violencias poden ser exercidas a través das redes sociais ou whatsapp, como o acoso, o control ou a violencia psicolóxica que non deixan de ser diversas formas dun mesmo problema: a violencia machista”.