O Goberno do Concello de Redondela amosou hoxe a súa sorpresa polas manifestacións formuladas polo Partido Popular local nas que “demanda que se poñan a disposición da Xunta tanto os terreos necesarios como o proxecto para a nova escola infantil de Chapela”.
A alcaldesa Digna Rivas lémbralle aos populares que, o 16 de marzo do 2021, a Xunta aprobou definitivamente a modificación puntual das Normas Subsidiarias enviada polo Concello de Redondela –logo da súa publicación no DOG, BOPPO e a inscrición no Rexistro de Planeamento de Galicia– “para cambiar o uso dos terreos a fin de permitir a instalación da Escola Infantil”.
É dicir, que o Concello de Redondela, dende marzo deste ano, cumpriu cos trámites administrativos necesarios para que os terreos cumpran as condicións urbanísticas que permitan a construción desta infraestrutura educativa que o Goberno socialista redondelán considera “imprescindible e innegociable”.
“Agora estamos á espera que de que Xunta de Galicia envíe o borrador do convenio no que se fixen os compromisos de ámbalas dúas administracións”, afirma a rexedora local quen lembra que “asemella que, cando o Concello cumpre coas súas obrigas e a Xunta non, o PP local ‘activase’ para derivar responsabilidade e desviar a atención sobre os incumprimentos do seu propio partido en Santiago” amais de sufrir, asegura Rivas, “lapsus de memoria á hora de explicar porqué o seu partido rexeitou unha proposta no Parlamento Galego para destinar nos Orzamentos unha partida de 500.000 euros para esta obra”.
Para a alcaldesa redondelá, non deixa de ser curioso e sospeitoso, a partes iguais, “que o principal impedimento para elaboración dun convenio de colaboración fora o cambio de uso dos terreos a través dunha modificación puntual das Normas Subsidiarias” impedimento, engade, que non debía existir cando “gobernando o PP en Redondela, Xunta e Concello pretendían asinar un protocolo express, para que no ano 2019 poidan iniciarse as obras de construción da escola infantil,todo iso, sen proxecto” todo iso en vésperas dunhas eleccións municipais “sen existir daquela nin o proxecto que agora esixen, nin a Modificación Puntual das Normas Subidiarias que permitiran a instalación desta escola infantil nos terreos elixidos”.
Digna Rivas insistiu en que a escola infantil de Chapela “é unha necesidade urxente para as nais e pais dos nenos e nenas da parroquia” e lamenta que o Partido Popular elixa sempre estar a carón dos seus intereses partidistas “en lugar de urxir aos seus compañeiros e compañeira en Santiago que cumpran os seus compromisos unha vez que o Concello cumpriu cos seus realizando os trámites administrativos solicitados”.
En todo caso a pasividad e a postura do PP local “non é sorpresa algunha xa que é o seu xeito habitual de actuar” afirma Digna Rivas ao mesmo tempo que lembra “que o mesmo aconteceu coas obras da Avenida Mendiño na que todo foron urxencias, esixencias e presas ata que caeron na conta que o Concello tiña cumpridos todos os trámites precisos á espera da resposta da Xunta, momento en que optaron por deixalo estar”.
No caso da Avenida Mendiño o Goberno socialista redondelán lembra que se cumpre agora un ano e dous meses –en novembro do 2020– dende que o Concello de Redondela emitiu a retención de crédito solicitada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), “imprescindible, segundo a Xunta, para a realización do convenio de colaboración” sen que haxa noticia algunha dun convenio que “nin está nin se lle espera pese ás reiteradas e constantes solicitudes realizadas dende o Concello”.