Venres, 9 Maio de 2025

Redondela lanza unha nova batería de axudas para Pemes, traballadoras e traballadores autónomos e pequenas empresas

O Concello de Redondela vén de anunciar o lanzamento dunha nova convocatoria de axudas, –a segunda dende que comezou a crise do coronavirus– dotada con 110.000 € e dirixida ao mantemento dos sectores económicos máis prexudicados como consecuencia da COVID-19. Á convocatoria, que será publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, poderán presentarse os traballadores/as autónomos/as, microempresas de Redondela que tivesen que permanecer pechadas ao público como consecuencia das medidas derivadas da declaración do estado de alarma.

Con esta iniciativa téntase, por unha banda, paliar a incidencia que tivo a declaración do estado de alarma, minimizando o seu impacto económico e, por outra, “preservar o tecido empresarial, que se viu obrigado ao peche dos seus establecementos, ao tratarse de actividades non esenciais”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

As medidas que se adopten agora “serán as que marquen que a nosa economía se reactive coa maior celeridade posible”, engade Rivas, xa que actúan directamente “sobre as persoas físicas e xurídicas máis afectadas e tratando de evitar, na medida do posible, situacións de risco ou exclusión social derivadas do peche da actividade comercial e empresarial”.

Trátase, en suma, de impulsar a actividade económica redondelá permitindo ás empresas ter liquidez e contribuíndo, polo tanto ao mantemento da actividade e o emprego e amortecer, así mesmo, a redución drástica de ingresos.

As catro liñas de axudas que se poñerán en marcha serán as seguintes:

  • Gastos de alugueiro do local comercial efectivamente realizados desde a declaración do estado de alarma ata un máximo de catro meses.
  • Gastos asociados á transición cara ao comercio online ou a optimización do existente.
  • Gastos derivados co cumprimento das especificacións de servizo, limpeza, desinfección, mantemento e xestión do risco derivadas das medidas para a redución do contaxio polo coronavirus SARS- COV-2.
  • Axudas para financiar investimentos para acondicionamento de locais comerciais polos efectos da COVID-19 e para lograr espazos máis seguros.

A maiores desta segunda liña de axudas e dende os primeiros días do comezo do estado de alarma, o Goberno redondelán puxo en marcha unha serie de medidas destinadas a minimizar o impacto desta grave situación tanto na cidadanía en xeral coma no sector produtivo.

Asi, procedeuse ao aprazamento, exención e bonificación de determinados taxas e impostos; a axilización do pago a provedores, pagándose xa con carácter urxente máis de 2.000.000 euros; o peche de determinadas rúas durante a fin de semana para favorecer a actividade hostaleira e comercial; actuacións de carácter sanitario e hixiénico que supuxeron xa un investimento de máis de 200.000 €, dirixidas tanto á veciñanza coma ao sector produtivo do municipio, poñendo á súa disposición máscaras, pantallas protectoras individuais, luvas, hidroxeles, etc., ademais da correspondente cartelería informativa para o seu correcto uso.

Paralelamente, repartíronse xa máis de 50.000 máscaras de protección entre toda a veciñanza e establecementos comerciais e púñase en marcha a campaña de concienciación de seguridade sanitaria ‘Faino por Todxs’, e activábase un plan específico de desinfección diaria de rúas, edificios e infraestruturas públicas co obxectivo “de converter a Redondela nunha cidade e destino seguro, desde o punto de vista sanitario”.