Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela inicia esta vindeira semana os traballos de roza e limpeza en todo o municipio

Aos catro lotes habituais que se contrataban para as labores de rozado, engádese, por primeira vez, un quinto lote para posteriores traballos de mantemento

O Concello de Redondela comezará, esta vindeira semana, os traballos de rozado e limpeza en todo o municipio. Así quedou decidido trala reunión mantida polo concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, cos responsables da empresa realizada de desenvolver ditas actuacións.

O responsable de Vías e Obras e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientaron que o inicio destas actividades de rozado e limpeza “estaban previstas para moito antes” pero, como aconteceu con todo, os prazos iniciais foron trastocados pola crise sanitaria da COVID-19 e o conseguinte estado de alarma.

En todo caso, explica a alcaldesa, “pese a situación que se viviu naqueles momentos e a decisión deste Goberno de destinar case que todos os recursos do Concello, tanto materiais coma humano, ás labores de prevención e contención da pandemia”, estes traballos de roza e limpeza “inícianse antes de o que o fixeron, en anos pasados, os anteriores gobernos conservadores”.

Este ano, as labores de roza e limpeza contan cunha importante novidade sobre a que chamou a atención a alcaldesa de Redondela. Aos catro lotes habituais que se encargan da limpeza das parroquias asignadas a cada un deles, “consideramos necesario engadir un quinto lote de reforzo”.

Este quinto lote permitirá que, unha vez terminado os traballos en todas as parroquias, “poida actuar naqueles puntos que, por diferentes razóns, se faga preciso realizar unha nova roza ou limpeza”.

Con este novo sistema conséguese, segundo a rexedora local, “non só unha limpeza de todo o municipio senón tamén o mantemento de dita limpeza ao longo do tempo”.