19.1 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela homenaxea ás 'Mulleres da Illa' para que a veciñanza "non esqueza...

    Redondela homenaxea ás ‘Mulleres da Illa’ para que a veciñanza “non esqueza o seu valor e solidariedade”

    A exposición foi inaugurada onte pola alcaldesa Digna Rivas á que acompañaban concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno e da Corporación Municipal

    “Esta exposición era de xustiza porque é preciso que a veciñanza de Redondela coñeza o valor e solidariedade destas mulleres que, con enorme risco para as súas vidas, axudaron aos presos políticos da illa de San Simón”, dixo a alcaldesa Digna Rivas na inauguración da exposición ‘Mulleres da Illa’ que dende onte quedou exposta na Alameda Castelao.

    Digna Rivas lembrou que as Mulleres da Illa, as chamadas madriñas, non eran só lavandeiras senón que “foron por enriba de todo seres humanos que ofreceron o pouco que tiñan para axudar a quen máis o necesitaba”.

    Para entender o labor realizado por estas mulleres, explica Digna Rivas, hai que poñerse nun contexto histórico no que “axudar aos presos políticos en plena guerra era un xesto valente e arriscado xa que, a represión en Redondela e arredores foi moi dura” e por iso, a rexedora local non dubiou en cualificalas de “verdadeiras heroinas en época de violencia”.

    As madriñas foron un apoio para os presos e para as súas familias xa que, agochadamente, levaban comida, remendaban roupa, conseguían mantas e mediciñas e mesmo exercían de correo entre os presos e as súas familias “nunha época tan dolorosa e durante a que a vida das persoas pendía dun fío”, explicou.

    “Entre tanto dor e terror, houbo porén historias que son resultado do labor solidario das madriñas… presos doutros puntos da península que, unha vez liberados, quedaron a residir en Redondela; madriñas e prisioneiros que casaron ao saír da cadea. Detrás de cada persoa hai unha historia e esta foi a realidade na que viviu Redondela na posguerra”, declarou Digna Rivas que lembrou que a día de hoxe, “aínda hai casas que gardan, como tesouros, agasallos feitos polos presos como mostra de agradecemento”.

    A exposición, en forma de carteis pendurados das farolas, amosa rostros e nomes pero é preciso “que a veciñanza saiba que detras de cada unha delas, hai unha historia de valentía, de heroicidade e de humanidade, que fará que as Mulleres de San Simón vivan eternamente na memoria das e dos redondeláns, e ese é o obxectivo desta exposición, manter vivo o seu recordo”.

    Digna Rivas quixo amosar tamén o seu agradecemento “a todos e todas os que fixeron posible esta mostra”, dende o técnico de Normalización Lingüística do Concello, ás asosiciacións e particulares que conseguiron que esta exposición fora unha realidade.

    Mulleres da Illa, unha vez que finalice o seu período de exposición na Alameda Castelao, tomará o formado de mostra itinerante, ao igual que acontece nestes momentos coa mostra Conquistadoras. Así, remata a alcaldesa de Redondela, “facemos posible que todos os veciñas e veciños de Redondela, independentemente do seu lugar de residencia, poidan coñecer o valor destas madriñas, e axudar a transmitir ás vindeiras xeracións os valores dos que fixeron gala estas mulleres”.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.