O Concello de Redondela, vén de dar un paso adiante na participación cidadá posibilitando que a veciñanza poida solicitar reunións cos concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno e así poder trasladarlles, directamente, as súas demandas e suxestións. Trátase, explica a alcaldesa Digna Rivas, “establecer canles de comunicación directa entre as veciñas e veciños e os responsables de cada área coa intención de axilizar a administración local”.
Os teléfonos móbiles das concelleiras e concelleiros do Goberno local serán publicados na páxina web do Concello e as veciñas e veciños poderán solicitar, de luns a venres e de 09 h a 14 horas, unha reunión con eles con cita previa.
A maiores, todos los luns, de 17 h a 19 horas, todas as concelleiras e concelleiros e a alcaldesa Digna Rivas, estarán na Casa do Concello a disposición da veciñanza para que lles poidan trasladar, directamente as súas demandas.
“Era unha idea que tíñamos pensado hai tempo pero que, polas restricións provocadas pola pandemia, tivo que ser adiada”, afirma a alcaldesa de Redondela. A iniciativa retómase agoara coa intención clara de facilitar a comunicación directa entre a cidadanía e as concelleiras e concelleiros “o que redundará nunha maior fluidez da xestión municipal”, afirma Rivas.
A eliminación paulatina de restricións por mor da pandemia da COVID, non só se plasma no establecemento do trato directo entre concelleiros, concelleiras e veciñanza, senón que permitirá que a alcaldesa Digna Rivas, poida retomar as reunións coas veciñas e veciños nas diferentes parroquias para coñecer, in situ, as súas inquedanzas, suxestións e reclamacións.
“Para nós, o contacto directo coas veciñas e veciños, sempre foi una prioridade. A chegada da pandemia impediu que puideramos desenvolver con normalidade esa iniciativa e agora, coa baixada das restricións, retomámola e a seguiremos mantendo, periódicamente, ata final do mandato”, afirma a rexedora local.
O reinicio destas xuntanzas periódicas coa veciñanza comezará o vindeiro día 7 de setembro, martes, no Centro Cultural de Cabeiro. Como xa viña facendo con anterioridade, antes da reunión a alcaldesa e as concelleiras e concelleiros, percorrerán distintas zonas da parroquia para, posteriormente, manter o encontro coas veciñas e veciños. “Buscamos que, sen ningún tipo de impedimento e con absoluta liberdade, a veciñanza teña a oportunidade de trasladarnos as súas necesidades”, conclúe Digna Rivas