Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela entrega os premios do I Concurso Interescolar de Poesía Visual de Chapela

Valentina Jaen, Hugo Ballesteros e Ricardo Santos, acadan os tres primeiros postos desta iniciativa impulsada polo poeta David Fernández Rivera

O Auditorio de Chapela acolleu o acto de entrega dos premios do I Concurso Interescolar de Poesía Visual, unha iniciativa impulsada polo poeta David Fernández Rivera froito dos talleres de poesía visual que impartiu, neste curso escolar, nos centros educativos de Chapela.

No acto de entrega dos galardóns participaron a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros; o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, amais do propio Fernández Rivera.

Valentina Jaen coa obra nda que non o pareza a luz segue brillando, acadaba o primeiro premio; Hugo Ballesteros con Choiva de palabras facíase merecedor do segundo premio mentres que o terceiro era para Ricardo Santos coa obra A Fronteira. Valentina Jaén, como gañadora do certame, recibía un trofeo que consistiu nun poema visual de David Fernández Rivera construído en metacrilato especialmente para a ocasión.

A actividade, que partía dunha iniciativa conxunta das Concellerías de Cultura e de Ensino, foi ben acollida polo CEIP Alexandre Bóveda e o CEIP de Laredo, cuxos alumnos demostraron cos seus poemas os coñecementos adquiridos nos talleres de poesía visual.

O concurso, no que participaron estudantes de quinto e sexto curso, foi levado a cabo coa vontade de que, entre outras moitísimas cousas, os alumnos desenvolvesen a súa creatividade máis aló do aprendido na aula contorna á poesía visual, un tipo de poesía na que prima a imaxe sobre o texto, podendo chegar a substituílo por completo; en definitiva, unha poesía para gozar coa retina.

Ao longo dos últimos anos, David Fernández Rivera demostrou que a poesía visual é unha ferramenta con grandes virtudes pedagóxicas de fronte ao desenvolvemento da creatividade e pensamento crítico dos nenos, unha ferramenta coa que consegue encher de entusiasmo e imaxinación cada unha das aulas que visita.