Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela da a coñecer o seu patrimonio cultural e artístico a través de roteiros guiados

A Concellería de Patrimonio organiza catro saídas para coñecer a traza do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio

O vindeiro domingo, 20 de febreiro, e co percorrido pola traza do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Redondela sur, o Concello redondelán, a través da Concellería de Patrimonio que dirixe María Castro, en colaboración con A Citania, inicia unha serie de saídas guiadas a fin de coñecer e poñer en valor o abundante patrimonio cultural, histórico e paisaxístico que posúe o municipio.

A saída será as 10 horas dende a capela de Santiago de Antes, no concello de Mos, para, dende aí comezar un percorrido xa polo municipio redondelán.

Serán un total de catro rutas que se desenvolverán os derradeiros domingos de cada mes polo que, as seguintes, serán o 27 de marzo na que se percorrerá a traza do Camiño Portugués ao seu paso por Redondela norte; o 24 de abril para percorrer A Portela na súa beira oeste e, finalmente, o 29 de maio, en Rande, para facer o treito entre Regasenda e o Castelo.

Para máis información sobre as rutas, as persoas interesadas poden acceder á páxina de Facebook AcitaniaGalicia ou chamar ao teléfono 600 381 782