Domingo, 16 Febreiro de 2025

Redondela comunica ao Ministerio o seu “total rexeitamento” ao cargadoiro de contedores de Rande

O Concello de Redondela contestou, de xeito formal, á consulta realizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o denominado proxecto Reordenación del acceso a la zona portuaria de Rande desde la carretera N-552, que é o paso previo necesario para a futura instalación dunha terminal de carga e descarga de contedores que pretende realizar a Autoridade Portuaria de Vigo.

O Concello de Redondela remitiu ao Ministerio un informe técnico de 11 páxinas redactado por técnicos do Concello que argumentan, técnica e xuridicamente, a resposta que o Concello trasladou en tempo e forma e que non é outra “que a total e absoluta oposición ao proxecto”. O escrito de rexeitamento foi asinado pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e polo concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar.

O martes 20 de Agosto, nunha xuntanza solicitada pola Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón , a alcaldesa e o Concelleiro de Medio Ambiente adiantaron aos representantes desta Plataforma unha copia deste informe de 11 páxinas elaborado por técnicos do Concello.

Impacto negativo.

A obra que propón a Autoridade Portuaria supón, explica o Concello de Redondela, o trazado de novos accesos que non están previstos polo planeamento vixente (NNSS), nin polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que se encontra en tramitación. Asemade, a infraestrutura prevista é de gran envergadura, pois inclúe muros de gravidade ou pilotados de considerable altura, caixón fincado baixo infraestruturas actuais, etc.

A obra que propón a Autoridade Portuaria suporía o trazado de novos accesos que non están previstos pola normativa urbanística, nin presente (NN SS) nin futura (PXOM)

Todo isto suporía, non una reordenación de accesos como denomina o proxecto senón unha infraestrutura nova que implicaría, dadas as dimensións das obras a executar, un enorme impacto visual e acústico no entorno de actuación. Tendo en conta que estamos ante unha zona próxima á costa, esta obra sería totalmente contraria ao Plan de Ordenación del Litoral.

Ameaza para a Rede Natura e o Patrimonio Cultural

Lembran Digna Rivas e Roberto Villa que, nesta zona de Rede Natura “atópanse importantes bancos pesqueiros e de marisqueo dos que viven numerosas familias, non só do concello de Redondela senón doutros concellos limítrofes, afectando ao ecosistema e, por conseguinte, ao seu medio de vida”.

O proxecto atentaría contra a Rede Natura e mesmo contra o Patrimonio Cultural da zona

Neste ámbito sitúase o denominado Cargadoiro de Coto Wagner (coñecido como antigo cargadoiro de mineral), elemento protexido, e a súa contorna que se sitúa no catálogo de patrimonio cultural.

Incremento do tráfico pesado na zona

O proxecto prevé dotar de acceso rodado á explanada, o que suporía cargar toda a zona de circulación de tráfico rodado pesado, a tal efecto no informe elaborado polo Concello inclúense recreacións realizadas polo arquitecto Carlos Falagán Mota, servizo encargado polo Concello de Redondela, onde se pode observar o enorme impacto visual que suporía nunha zona patrimonial e medio ambiental protexida.

Transparencia e participación no proceso

Dende que o Concello de Redondela tivo constancia desta consulta do Ministerio, a Alcaldía e a Concellería de Medio Ambiente mantiveron informados aos representantes da veciñanza dos pasos que se estaban a dar, concretamente á Plataforma en defensa da Enseada de San Simón, que leva anos reclamando un uso público desta zona e a desafección industrial da mesma.

Houbo xuntanzas para informar e intercambiar pareceres, estudáronse e tívose en conta a contestación a este proxecto que preparara a Plataforma cos seus medios e que entregaran por rexistro no Concello.