Venres, 2 Maio de 2025

Redondela celebrará o mercado do sábado 6 de marzo ao descender significativamente os casos activos por coronavirus no municipio

A feira quincenal dos días 6 e 21 de cada mes non se celebraba dende o 6 de xaneiro porque “había que antepoñer a saúde e seguridade da veciñanza a calquera outra razón”

Logo de dous meses de suspensión, o sábado 6 de marzo, o mercado de Redondela volverá a retomar a súa actividade logo que, a diminución de casos activos por coronavirus, permitira que o municipio pasase do nivel 3 (máximo en canto a restricións) ao nivel 2 e, de seguir esa tendencia, o vindeiro venres podería baixar ao nivel 1 que eliminaría calquera restrición de mobilidade intermunicipal.

En todo caso, a feira do sábado 6 de marzo contará cun estrito control de seguridade santiaria. “É preciso que a veciñanza tome conciencia de respectar as normas xa que diso depende, en gran parte, que poidamos seguir na liña descendente e volver a acadar unha certa normalidade” sinala o concelleiro de Feiras e Mercados, Vicente Lamas.

De cara a posibilitar que os postos de venda manteñan unha distancia de seguridade apropiada, a feira ocupará toda a Avenida Mendiño que, nesa xornada, quedará pechara ao tráfico, polo que se habilitarán itinerarios alternativos. “Sempre é un inconvinte pechar á circulación rodada unha avenida céntrica –explica a alcaldesa de Redondela– pero sabemos que a cidadanía entende perfectamente a necesidade desta medida que permite compatibilizar a celebración da feira coa necesaria seguridade fronte á COVID-19”

Policía Local e Protección Civil vixiarán o cumprimento das normas sanitarias no que fai referencia ao uso obrigatorio de máscaras, que deberán usarse en todo momento, e ao mantemento das distancias mínimas de seguridade. Amais, estableceranse rutas de entrada e saída no recinto para evitar tanto aglomeracións como cruces innecesarios de persoas.

Chegar a este punto da desescalada, subliña a alcaldesa de Redondela, “non foi doado” e lembrou os esforzos que tiveron que facer a cidadanía, empresas, hostalería e comercio local para chegar a actual situación de diminución de contaxios. “Agora depende de nós e da nosa responsabilidade seguir nesa liña descendente e facer que todos eses sacrificios valesen a pena”. Finalmente Digna Rivas quixo transmitir o seu sincero agradecemento “á toda a cidadanía que, durante case un ano, leva cumprindo as directrices sanitarias, seguindo as pautas e recomendacións que ditan as autoridades tanto autonómicas como estatais e que, coa súa actitude, permiten que vaiamos camiñando cara a unha nova normalidade”