A Concellería de Feiras e Mercados do Concello de Redondela, que xestiona Vicente Lamas, vén de anunciar a celebración, o vindeiro día 6 de xaneiro, do mercado quincenal que, habitualmente e en condicións normais, celébrase os días 6 e 21 de cada mes.
A feira do vindeiro 6 de xaneiro desenvolverase ocupando toda a extensión da Avenida Mendiño que, polo tanto, quedará cortada ao tráfico. A medida, sinala Vicente Lamas, “permitirá a colocación da totalidade dos postos do mercado e, ao mesmo tempo, posibilitará que poidan manter entre eles as distancias de seguridade que marca a normativa anticovid”.
“As medidas de seguridade serán estritas e de obrigado cumprimento”, sinala a alcaldesa Digna Rivas que non dubida da colaboración das veciñas e veciños “que durante os momentos máis duros da crise sanitaria actuaron con sensatez e responsabilidade”.
Policía Local e Protección Civil vixiarán o cumprimento das normas sanitarias no que fai referencia ao uso obrigatorio de máscaras e ao mantemento das distancias mínimas de seguridade. Amais, estableceranse rutas de entrada e saída no recinto para evitar tanto aglomeracións como cruces innecesarios de persoas.
“Estamos nun momento moi delicado desta crise sanitaria coa que estamos obrigados de convivir” apunta a alcaldesa de Redondela que lembra que, en tan só cinco días e segundo os datos da Consellería de Sanidade, “en Galicia pasamos dos 5.625 casos activos aos 5.905 desta mañá, datos máis que preocupantes e que obrigan, máis que nunca, a actuar con responsabilidade”.
En todo caso, a celebración desta feira, apuntan Digna Rivas e Vicente Lamas, “é un factor importante para a reactivación da economía local”, de aí que para poder celebrala coas máximas garantías, o Concello decidira ocupar a totalidade da Avenida Mendiño e para a que se habilitarán itinerarios alternativos para o tráfico rodado que estarán debidamente sinalizados.