Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela celebra unha “Despedida Interxeracional” do 2020

Centros educativos, centros de día e as asociacions Afaga, Andaina e Lenda, participaron nunha actividade celebrada no Multiúsos da Xunqueira e retransmitida en directo a través das redes sociais do Concello.

Despedir un 2020 atípico e facelo de xeito conxunto entre a mocidade e as persoas maiores, era o obxectivo da ‘Despedida interxeracional’ que onte desenvolveuse en Redondela organizada polas concellería de Servizos Sociais e Persoas Maiores, xestionadas pola alcaldesa Digna Rivas.

Os actos tiña lugar no Multiúsos da Xunqueira, cunha presencia de público mínima e cinguida, case que exclusivamente, as persoas imprescindibles para a realización da actividade, motivo polo que esta ‘despedida’ foi retransmitida en directo a toda a cidadanía a través do Facebook do Concello de Redondela.

A presentación e animación desta xornada correu a cargo de Troula Animación, nunha clara aposta do Concello por seguir apoiando aos profesionais do espectáculo e á cultura, sectores que, ao igual que outros moitos, foron duramente golpeados por esta crise e tiveron a necesidade de reconverterse aproveitando as novas tecnoloxías.

[su_image_carousel source=”media: 27581,27582″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Tai Chi para maiores, que en Redondela sempre tivo unha extraordinaria aceptación, tiña tamén o seu espazo nesta despedida interxeracional e virtual do 2020. Teresa, Fermina, Milabros, Obdulia, Rosa e Pilar, alumnas dos cursos, facían unha exhibición baixo a dirección do monitor Fran Tilve que, ao longo de moitos anos, foi monitor destes cursos e que agora pasará a gozar dunha máis que merecida xubilación.

Fran Tilve e as súas alumnas na exhibición de Tai Chi

Foi precisamente este o momento que protagonizou o punto máis emotivo da xornada. Primeiro as flores e o agradecemento do Concello de Redondela, entregadas pola alcaldesa Digna Rivas, coas que se quería recoñecer o traballo de Fran Tilve ao longo dos anos. Logo, chegaba a sorpresa: unha das súas fillas, Naza Tilve, entregáballe outro ramo de flores e, de seguido, as súas alumnas, en nome de todos e todas os que ao longo do tempo recibiron as súas ensinanzas, dedicábanlle unhas palabras enchidas de emoción.

Homenaxe a Fran Tilve, un momento cheo de emoción

Finalmente, a alcaldesa Digna Rivas, agradecía na súas palabras, a colaboración de todos os centros educativos participantes, dos centros de día do municipio e das asociacións Afaga, Andaina e Lenda non só nesta iniciativa “senón en todo o que dende o Concello organizouse ao longo do ano para poñer freo a esta pandemia e que sempre contou co apoio unánime de todas e todos vós”.

Digna Rivas recalcou que, incluso en tempos duros como estes “hai que mirar o lado positivo das cousas e, nese sentido, a COVID conseguiu unirnos máis, traballar a prol dun obxectivo común, reafirmar a solidariedade e a xenerosidade de todas e todos”. A alcaldesa rematou desexando que “con esa responsabilidade que a veciñanza amosou ao longo deste 2020, non teño ningunha dúbida que o vindeiro ano recuperaremos a tan ansiada normalidade”.

Nesta ‘Despedida interxeracional’ participaron as escolas de educación infantil A Marisma, Ventosela e San Pedro Cesantes; o CEP Santa Mariña; os CEIP Laredo, Porto Cabeiro, Quintela Cedeira e Igrexa-Chapela e o alumnado do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia do IES Chapela; os centros de Día Redondela-Cesantes, Os Cortizos, Galeón e Arela e as asociacións AFAGA, Andaina e Lenda.