Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela agradece a colaboración e responsabilidade da veciñanza durante os temporais

Unha vez rematadas as sucesivas borrascas que afectaron a Redondela, desde a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Pilar Martínez, faise un balance positivo da xestión feita tanto nos traballos de previsión como na resolución dos efectos que as borrascas tiveron neste municipio. A edil quere facer público “o agradecemento a toda a poboación polo interese e responsabilidade demostrada durante todos estes dias, poñéndose en contacto cos concelleiros e concelleiras, coa Policía Local e o Servizo de Emerxencias para dar conta dos incidentes que se producían”.

Martínez sinala os traballos previos de control da vexetación realizada polo departamento de Medio Ambiente, xunto coa xestión de limpeza sostible realizada nos últimos anos, “evitaron que no termo municipal de Redondela se produciran desbordamentos nas canles do Alvedosa e Maceiras”. O Concello de Redondela traballa desde hai anos na recuperación dos ríos para crear ecosistemas vivos “que evitan de xeito natural a acumulación nos leitos fluviais”. No caso do río Pexegueiro si se  rexistrou durante un tempo limitado un desbordamento coincidindo co momento da pleamar e unha cuvia intensa, “pero afortunadamente non deixou ningún problema grave comparado cos danos que se produciron en municipios veciños con barrios alagados e moitas desfeitas”, explica Pilar Martínez.

A alcaldesa, Digna Rivas, explica que os diferentes departamentos do Concello de Redondela están a traballar nos incidentes que deixaron as borrascas Ciarán e Domingos, como avarías na iluminación pública ou a retirada de árbores caídas “e a maioría deles xa están resoltos”.

Retirado o poste de telefonía no acceso ao CEIP Laredo

Operarios de Movistar procederon onte á retirada dun poste de telefonía que se derrubou polo temporal na rúa Peirao en Chapela o pasado sábado. A rúa esta desde onte aberta ao tráfico. O vial, que dá acceso ao CEIP Laredo de Chapela, fora pechado á circulación o xoves, cando o poste comezou a inclinarse, para evitar riscos tanto para peóns como para vehículos. A estrutura de telefonía, propiedade de Movistar, é competencia exclusiva da empresa, polo que os servizos municipais de emerxencias trasladaron a Telefónica o incidente na xornada do xoves para que retirasen o poste o máis rápido posible.  Con todo, o centro conta con outro acceso paralelo que puido utilizarse con total seguridade durante os días que a vía estivo cortada.