Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela achega a historia dos ‘maios’ a través da exposición ‘Os Maios, a festa da primavera’

Ante a imposibilidade de poder celebrar a tradicional Festa dos Maios en Redondela debido ás limitacións e precaucións derivadas do Covid-19, a Concellaría de Cultura decidiu manter a conexión coa festa creando, este ano, unha Exposición ao aire libre na que as persoas podan experimentar unha viaxe fotográfica pola historia dos Maios en Redondela.

“Decidiuse ubicar a exposición no paseo da Xunqueira para integrala nun entorno natural, rodeada de plantas e flores, que é a esencia desta festa”, explica o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa.

Sacar a exposición á rúa era, “ademáis de máis seguro sanitariamente, unha maneira de achegar a historia, a cultura e as nosas tradicións ás persoas viandantes que, pasando pola zona ainda que sexa por casualidade, acabarán desfrutando dun bo momento cultural”, engade o concelleiro de Cultura que adianta que “é posible aproveitar a idea e continuar nun futuro con outras exposicións doutras temáticas”.

Nesta exposición achégase a información sobre os maios: os tipos que existen –traidicionais ou figurados con forma de cruceiro, de canastros…–, os materiais dos maios, o concurso,… e todo a través dunha sucesión de imaxes que recollen fotografías antigas que a veciñanza cedeu ao Arquivo municipal. 

Acompañando ao fiuncho está tamén a historia das Coplas, composicións de sátiras en versos que reflexan a crítica social e os acontecimentos do ano. Seguir a evolución das coplas, tal e coma apuntan Olimpio Giráldez e Lola Míguez nas súas publicacións, “é seguir a verdadeira historia do municipio”.

Hai fotografías que datan dos primeiros concursos dos Maios (1956) e van percorrendo a historia desta festa, a historia da vila de Redondela, celebrando a chegada da primavera, ata o día de hoxe. A exposición no Paseo da Xunqueira manterase durante todo o mes de Maio.