12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaOnce persoas desempregadas iniciaron hoxe traballos de roza e limpeza de camiños...

    Once persoas desempregadas iniciaron hoxe traballos de roza e limpeza de camiños e estradas de Redondela

    Por primeira vez o Concello contratou a través do Plan Concellos e por medio da oficina de emprego, ás persoas que dende hoxe desenvolverán os rozados

    Hoxe martes, 1 de xuño, comezaron o seu traballo as brigadas encargadas dos labores de roza nos camiños e estradas de titularidade municipal de Redondela. Por primeira vez, serán 11 persoas en situación de desemprego e contratadas a través do Plan Concellos, os que realicen estes traballos que habitualmente eran encargados a unha empresa.

    Os traballos de roza, explica o concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, serán desenvolvidos tres brigadas compostas, cada unha delas, por dúas persoas con maquina desgrozadora a pe e dous operaios/as de limpeza de cunetas e recollida de maleza.

    Os equipos contarán tamén co reforzo de dous tractores de rozado en altura. Cómpre salientar que, para evitar a acumulación de restos da roza, contarase con dous Dumper mecanizados para a recollida de ditos restos que serán transportados, diariamente, ao lugar de xestión. Todas as persoas participantes recibiron, con anterioridade, un curso sobre prevención de riscos laborais.

    O feito de que sexan veciñas e veciños en situación de desemprego o que se encarguen dos traballos de roza, permiten ao Goberno local acadar dous obxectivos. “Por unha banda –explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas,– axilízase a contratación e ofrécese un respiro ás veciñas e veciños que están en situación de desemprego e por outra, optimizamos o servizo de limpeza e rozado das vías e camiños municipais”.

    A maiores das brigadas de limpeza, e unha vez que rematen os traballos en todas as parroquias do municipio, manterase o denominado retén de mantemento que correrá a cargo dunha empresa. Esta iniciativa, posta en marcha con éxito o pasado ano “permite unha vez rematadas as labores de roza das brigadas contratadas, este equipo de mantemento actúe o resto do ano onde alí o aconsellen as circunstancias e, dese xeito, manter limpos os camiños e cunetas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.