Sábado, 3 Maio de 2025

O Pleno de Redondela apoia á xestión do concelleiro de Deportes fronte ás críticas “infundadas e lamentables” do grupo popular

O Grupo Municipal Socialista asegura lamenta que o PP pida “contratar persoal” cando o anterior alcalde recoñecía por escrito, no 2018, a necesidade desta contratación “e non foi quen de facela en dous mandatos”

O Pleno do Concello de Redondela rexeitou, por maioría, unha moción do grupo municipal do PP que cuestionaba a actuación do concelleiro de Deportes, Ignacio González, na actual situación de crise sanitaria. Aseguraban os populares “sentirse especialmente preocupados” pola seguridade sanitaria dos pavillóns e cualificaban de “grave incumprimento” que non se previse persoal para controlar os accesos aos pavillóns, non se repuxesen os xeles hidroalcohólicos ou mesmo que “os club sexan os que teñan que encargarse da limpeza e desinfección das instalacións”.

No que á seguridade das instalacións, fai referencia, o concelleiro de Deportes lembra que todos os clubs teñen unha pauta de recomendacións ata que se remate a redacción dun protocolo definitivo “algo complexo dado que, cada día, as normas da Consellería de Sanidade son distintas”. En todo caso, afirmou con rotundidade Ignacio González, non é certo que haxa inseguridade sanitaria nas instalacións “xa que os clubs réxense, como documento marco, polas recomendacións das súas respectivas federacións”. “Que en todo este tempo non haxa ningún caso de contaxio, amosa claramente que, unha vez máis, o PP falta á verdade”, afirma o edil socialista.

En todo caso, e para “frear a preocupación do PP” polo feito de que os clubs teñan que facer a limpeza e desinfección, engadiu González, “deberían coñecer os concelleiros e concelleiras populares que os protocolos das federacións de balonmán e fútbol, para unha mellor protección dos seus e súas deportistas, contemplan que a desinfección e limpeza de instalacións sexa levada a cabo polos propios clubs”.

Pola súa banda, o grupo municipal do PsdeG-PSOE coincide en que “existe escaseza de persoal” como sinalan os populares, pero non deixa de ser curioso, sinalan, “que o PP, durante oito anos, non fixera absolutamente nada ante este problema” e o mais sangrante é que nun documento de marzo de 2018, recoñecía o goberno do PP a necesidade de contratar ata catro conserxes máis “unha conclusión que, para chegar a ella, o sr. Bas precisou de 6 anos e, a pesar de recoñecer a necesidade desas contratacións por escrito, non foi quen de realizalas en dous mandatos”.

O triste das críticas do PP, afirma o Grupo Municipal Socialista, “é que non teñen filtro” e non só poñen en tela de xuízo o traballo do concelleiro, “senón de todos os técnicos e directivos que traballan arreo para sacar adiante o deporte” do mesmo xeito que “menosprezan a labor dos conserxes que, día a día, esfórzanse por dar un mellor servizo preocupados sempre pola seguridade das persoas usuarias” e consideran “indigno” que o grupo Popular “apóiese nas dificultades que leva aparelladas a crise da COVID, para facer oposición, dando con iso unha visión negativa da situación do deporte no municipio”.

Ignacio González é rotundo ao afirmar que, unha vez máis, “o PP recorre ás falsidades” cando asegura que no se baleiran as papeleiras e que non se repón o xel hidroalcohólico ao igual que non existen itinerarios de entrada e saída “que son ben coñecidos e utilizados por todos os usuarios e usuarias”. Doutra banda, “crer que as persoas usuarias descoñecen cal é a distancia de seguridade é tomalos por parvos” e cualificar este feito de “extrema gravidade” amosa que o PP “ten unha visión distorsionada da realidade”.

O grupo socialista remata poñendo en valor “o traballo e dedicación” do concelleiro Ignacio González, “nunha labor recoñecida polos propios clubs e deportistas que saben, como ninguén, a labor que desenvolve e os seus desvelos para que Redondela siga a ser un referente deportivo en Galicia”.

Do mesmo xeito, o grupo municipal do PSdeG-PSOE quere agradecer “o enorme esforzo que están a facer os conserxes dos centros deportivos municipais e que, a maioría das veces, vai máis aló do seu cometido nunha mostra de profesionalidade para poder garantir, nestes tempos complicados, a seguridade de todas as persoas usuarias das instalacións”.