Sábado, 3 Maio de 2025

O ‘Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy’ de Redondela atopa un muíño en Xote, Cesantes

O elemento patrimonial, coñecido como 'Muíño do Rato', estaba agochado no Ameneiral do Pexegueiro e carece de catalogación, polo que o colectivo xa solicitou o seu rexistro ó concello de Redondela

A asociación Cultural ‘Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy’, atópase inmerso no proxecto de revisión do patrimonio de Cesantes, materia do seu libro, e a versión actualizada levará un estudo dos muíños existentes na parroquia. O traballo de campo realizado nos últimos meses deparou varias sorpresas e, entre elas, o descubrimento dun muíño sen catalogar na zona de Xote, preto da Nacional 550.

A este elemento patrimonial chegaron os membros do colectivo tras recoller testemuños dos veciños e explorar a zona. Unha vez alí, alcanzouse o elemento que se atopa nun lugar de difícil acceso polo abandono, a pesar de estar a unha vintena de metros da estrada. Tras ser descuberto o enclave, un grupo do Obradoiro Fernando Monroy, acompañado por varios veciños do lugar, foi ata o lugar para realizar unha profunda limpeza da zona e, deste xeito, poder deixar ó descuberto este importante elemento patrimonial.

[su_image_carousel source=”media: 17955,17952,17956,17953″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O seguinte paso, a pasada semana, o colectivo remitiu a información técnica do muíño ó concello de Redondela para solicitar a súa catalogación, xa que non aparecía rexistrado en ningures. Ademais, a asociación entende que debe ser incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal do municipio, que se atopa en elaboración. Así se plasmou no escrito remitido á entidade municipal. A construcción é coñecida como Muíño do Rato, según nos indicaron as testemuñas, e tamén como Muíño do Camiño de Xote. No referente á tipoloxía é dunha forma mixta, propia da zona de Redondela, que mistura o deseño en “canle-cubo”.

A isto é preciso engadir que o muíño atópase nunha zona de bosque de ribeira coñecida como ‘Ameneiral do Pexegueiro’. A uns metros do río Pexegueiro e tamén no antigo trazado do camiño de Santiago. Pola parte superior do elemento vai un camiño que aparece na documentación catastral, pero que está pechado polo manto vexetal da zona. O muíño tamén ten unha levada, canle, que sí aparece na documentación presentada, pero que aínda precisa dunha investigación máis profunda para atopar todo o seu percorrido.

A localización do novo muíño do Rato é a seguinte:

  • Coordenadas GPS Orux maps: 42,29835ºN 8,60675ºW
  • Coordenadas GPS Google maps: 42.2983548, -8.6067458