O vindeiro xoves 10 de setembro ás 20 h no Multiusos da Xunqueira de Redondela a Sociedade Cultural do Viso realizará a presentación da publicación da que é responsable e que versa sobre o patrimonio cultural da parroquia do Viso. Con retraso, por mor do covid-19, a entidade cultural dá a coñecer este traballo de recompilación e documentación do patrimonio da parroquia que foi encomendado a A Citania, coordinando Xurxo Constela todo o traballo de recollida, búsqueda documental e redacción.
Contarase na presentación co coñecido arqueólogo redondelán que exporá os obxectivos e a intención de recoller nun documento a maioria do patrimonio do Viso, un xeito de dalo a coñecer e sobre todo respetalo para que perdure no tempo.

Neste traballo caracterízase a parroquia dende a perspectiva do territorio, visualizando a parroquia en base as diferencias orográficas existentes e aoss aspectos do medio que máis salientan. Profundízase na historia lembrando as diferentes épocas e culturas que pasaron por estas terras e remátase percorrendo o patrimonio material do Viso a través dunha serie de itinerarios que seguramente axuden a visualizar á veciñanza a súa parroquia dende outra perspectiva e, ao visitante guialo no seu percorrido cultural pola zona.
O acto precisará inscrición previa polo control de aforo por mor da COVID-19. Esta poderá realizarse presencialmente na Oficina de Turismo de Redondela sita na Casa do Concello en horario de luns a sábado de 11-14 h e de 15-19 h. Telefonicamente pódese realizar de luns a venres de 11 a 14h no 986400300 preguntando pola oficina de turismo ou mediante correo electrónico en [email protected].