Mércores, 30 Abril de 2025

O Grupo Socialista reclama no Parlamento galego “o desbloqueo” das obras da Avenida Mendiño

Leticia Gallego alerta de que a Xunta deixará a actuación nesta estrada fora dos Orzamentos de 2023

A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia, reclamoulle onte á conselleira de Infraestruturas que desbloquee a reparación da Avenida Mendiño de Redondela, cumprindo o compromiso acadado en 2019. Gallego presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento na que a conselleira de Infraestruturas eludiu comprometerse a incluír a reparación da rúa nos Orzamentos para o próximo ano.

A responsable socialista lembrou que a reparación da avenida require da intervención da Xunta, xa que discorre por ela a estrada autonómica PO-363, e que ademais é unha vía altamente transitada pola veciñanza, xa que conecta o Centro de Saúde, os centros escolares, os polideportivos e a piscina municipal. Sinalou que o seu estado “prexudica única e exclusivamente aos veciños e veciñas de Redondela”, que “non se merecen o abandono por parte da Xunta de Galicia”.

Considera “intolerable” que os veciños e veciñas “sigan a esperar polo arranxo da Avenida Mendiño e facer as obras de mellora dunhas beirarrúas nas que xa caeron varias persoas” polo seu mal estado. Denunciou a “deslealdade” do goberno galego co concello de Redondela “ao bloquear as obras” desta avenida, así como coa redución de 4 profesores no IES Mendiño.

Leticia Gallego sinalou que “os veciños e veciñas merecen un respecto e o cumprimento dos acordos sen mirar as cores políticas do Concello”, que cumpriu todos os requisitos precisos para o comezo das obras. Sinalou que mesmo fixeron a retención de crédito da parte que ten que financiar a administración local, xa que a maior parte dos recursos ten que aportalos a Xunta, quen ten a titularidade da estrada.