Domingo, 4 Maio de 2025

O Goberno de Redondela solicitará a desafectación das «vivendas dos mestres»

O Pleno da Corporación aprobou retirar do Inventario Municipal o inmoble para conseguir a súa cesión definitiva ao Concello

O Pleno do Concello de Redondela aprobou este pasado xoves, retirar do Inventario Municipal os edificios coñecidos como ‘antigas vivendas dos mestres’ para poder continuar co proceso de desafectación dos inmobles e destinalos a uso social e cultural.

Os edificios estaban recollidos no Inventario de Bens Municipais (IBM) e inscritos no Rexistro da Propiedade coa titularidade do Concello de Redondela pero, segundo sinala o Goberno local redondelán “dita titularidade non debería ser do Concello senón do Estado, nomeadamente do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Costas), ao tratarse de bens de dominio público marítimo terrestre”.

O Concello de Redondela xa tiña solicitado ao Servizo Provincial de Costas de Pontevedra a desafectación do antedito dominio público marítimo-terrestre das parcelas sitas na Avenida Mendiño, 24-26, para a súa cesión ao Concello e que este puidera destinalos a equipamentos públicos, toda vez que xa se atopaban desafectados pola Consellería de Educación.

Con data 18 de abril de 2018 e a petición do Concello de Redondela, a Xerencia Territorial do Catastro acordaba a alteración da descrición catastral das parcelas, procedendo á súa correcta situación na cartografía catastral.

Digna Rivas aclarou que tanto o Servizo Provincial de Costas coma Patrimonio do Estado en Pontevedra, “amosaron a súa intención de, unha vez arranxado o trámite de titularidade do edificio no Rexistro da Propiedade, procederían á cesión das parcelas nas que se atopan os inmobles, a favor do Concello”.

O edificio situado na avenida Ernestina Otero leva anos en un estado de abandono, era unha das reivindicacións da veciñanza e de distintos partidos políticos que avogaban pola súa rehabilitación para uso público. Tras varios intentos por conseguir resolver a situación, a cesión será unha realidade e o edificio pasará a ser de titularidade municipal.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou “o especial interese deste Goberno en resolver a situación de estancamento deste tema que ten, unha extraordinaria importancia para Redondela e a súa veciñanza”.

A rexedora local adiantou que “unha vez que o expediente estea resolto, comezarase co proxecto de rehabilitación para converter este inmoble, totalmente infrautilizado, nun espazo cultural e social vivo e dinámico onde, veciñanza, asociacións e colectivos, poidan gozar de espazos compartidos”.