Xoves, 23 Xaneiro de 2025

O Goberno de Redondela inicia as obras de conservación e posta en valor do Cemiterio de Eidos

O Goberno local de Redondela iniciou, esta semana, os traballos de conservación, mantemento e posta en valor do Cemiterio de Eidos, un destacado elemento patrimonial e histórico do municipio. A construción deste histórico cemiterio remóntase aos nos 30 do século XIX. Alberga tallas e panteóns de gran valor non só artístico, senón tamén histórico, atopándose os sepulcros do exalcalde Ramón Pardo Ferro, cunha escultura que escenifica a fe con ollos vendados; ou o mausoleo do procurador Francisco Crespo Rivas, cunha columna coroada cunha grande pirámide deseñada en Arxentina.

Trátase, segundo sinalou a alcaldesa Digna Rivas, “de recuperar un espazo de enorme significación para a veciñanza e para a propia historia de Redondela”. A importancia deste cemiterio e o seu valor patrimonial, engadiu a rexedora local, “fai que sexamos tremendamente respectuosos e coidadosos á hora de proceder a súa limpeza para o que se seguirán, escrupulosamente, os criterios dos técnicos e as recomendacións de Patrimonio”.

El Cemiterio de Os Eidos garda tamén un gran valor no que atinxe a Memoria Histórica, xa que nel está unha foxa común cos restos de 42 republicanos represaliados durante a Guerra Civil. Outro acontecemento bélico anterior, como é a Guerra da Independencia Española, tamén deixou pegada neste camposanto cunha tumba de John O’Dogherty, un dos heroes da batalla de Ponte Sampaio.

As obras contan co financiamento do Fondo Europeo, a través do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 e dentro da liña de actuación 22, destinada á Recuperación, rehabilitación e mellora do Patrimonio Histórico e cultural.

Os traballos permitirán poñer en valor este espaco a través dunha total rehabilitación do recinto con actuacións que se centran en resolver as problemáticas apreciadas nos diferentes elementos que o configuran, dende os muros exteriores que o delimitan ata os pavimentos interiores, pasando por zonas axardinadas, peches, elementos ornamentais, instalacións e servizos urbanos, así como favorecer a accesibilidade universal mediante a realización de actuacións na súa totalidade.

Dada a importancia histórica e patrimonial da actuación empregaranse tratamentos que non alteren as pátinas superficiais que o tempo foi creando e a sucidade será eliminada mediante “tratamentos brandos”. Segundo as recomendacións técnicas, o sistema de limpeza a empregar, de forma xeral, será o lavado con auga e cepillado manual e, do mesmo xeito, as máquinas empregadas para o abrandado das manchas mediante auga a presión, non excederán os límites recomendados no informe para non danar os elementos a limpar.

O proxecto foi redactado polo arquitecto Ángel Santorio quen tamén exercerá as funcións de dirección de obra, conta con informe favorable dos servizos técnicos municipais e coa correspondente autorización de Patrimonio.