A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, mantiveron onte, na Casa do Concello, unha xuntanza coas ANPAS do municipio para analizar polo miúdo a grave situación que se producirá no caso de que a Xunta de Galicia manteña o protocolo anunciado para o vindeiro curso escolar “que non garante nin as medidas de distanciamento obrigatorias, nin rebaixar o ratio nas aulas nin reforzar o persoa docente”.
Tanto as ANPAS como a alcaldesa e a concelleira aseguraron que dito protocolo é, “cando menos, temerario” xa que nel non se contemplan as máis elementais medidas de seguridade sanitaria para o alumnado”.
De feito a Xunta non ten previsto ningunha medida para regular a ratio de alumnos por grupo e clase “que permitiría o distanciamento de seguridade que é unha medida que se esixe ao resto da sociedade en calquera lugar e circunstancia”, explico a concelleira de Ensino.
Olga García, apuntou a necesidade de que a administración educativa “poña en marcha, de xeito urxente, unha reforma tecnolóxica de cara a un posible novo confinamento” e que de darse esa situación “a responsabilidade non caia novamente sobre os concellos asumindo unha competencia que non é súa e que supón un enorme esforzo económico”.

“Un protocolo deste calibre e que afecta á seguridade dos nosos nenos e nenas –sinalou a alcaldesa Digna Rivas– ten que ser digno e negociado” polo que considera absolutamente lamentable que “a administración educativa non escoita nin informa non só ao Concello, senón tamén ás nais e pais e ao profesorado”.
A alcaldesa informou ás ANPAS que o Concello “leva meses pedindo de xeito insistente” unha reunión urxente tanto co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares como co xefe territorial Mobilidade sen que “nin tan sequera haxa a mínima cortesía institucional de contestar aos requirimentos”.
Digna Rivas, que no día de onte solicitou unha nova reunión coa Xunta de Galicia e asegurou que o Concello adoptará todas as medidas necesarias para garantir a seguridade dos nosos nenos e nenas e defender os intereses da veciñanza de Redondela”.
Finalmente, a concelleira de Ensino destacou a importancia dunha reunión co xefe territorial de Mobilidade para esixirlle a necesidade de investir en transporte escolar en lugar “de optar pola medida máis doada que é deixar a nenos e nenas fora do servizo”, explica Olga García.