Venres, 9 Maio de 2025

O Equipo de Goberno de Redondela lamenta a negativa do Sergas a facilitar datos sobre a evolución do COVID-19 no municipio

A administración sanitaria galega alega que se trata “de información clínica co máximo nivel de protección”

O Equipo de Redondela amosou o seu rexeitamento á actitude da xerencia do SERGAS que, nun escrito remitido o pasado 24 de abril, negase a ofrecer os datos requiridos polo Goberno local sobre a situación sanitaria do municipio e as previsións de evolución da enfermidade. No seu escrito, o Servizo Galego de Saúde, asegura non poder ofrecer eses datos ao tratarse “de información clínica co máximo nivel de protección, sendo a protección de datos de carácter persoal un dereito fundamental da cidadanía”.

O Goberno de Redondela, que cualificou a resposta de “de ambigua e carente de toda lóxica” lémbralle ao SERGAS que o Concello, como administración pública, “coñece perfectamente o que é a ‘protección de datos de carácter persoal’ dado que mirámonos na necesidade de traballar, diariamente, con este tipo de información sensible”, sinala o Goberno local.

Ao mesmo tempo, lembra o Equipo de Goberno que o que se solicitaba “era unha visión da actual situación sanitaria do muncipio en relación co COVID-19, así como datos sobre as previsións de evolución da enfermidade”, en ningún caso pedíase, “unha listaxe detallada, con nome, apelidos e dirección, das persoas que padecen a enfermidade”. A ninguén no seu san xuízo, afirma o Executivo local, “se lle ocorrería pedir este tipo de datos”.

Non deixa de ser curioso, asegura o Concello de Redondela, que na mesma carta se negue esta información “necesaria para poder optimizar o noso traballo na preservación da saúde da cidadanía” e, ao mesmo tempo, se felicite aos concellos “pola preocupación e implicación para salvagardar o benestar dos seus veciños, así como por todas as actuacións de colaboración que están a desenvolver coa Consellería de Sanidade e o Sergas” colaboración que polo que asemella, sinala o Goberno local, “non é recíproca”.

Esa colaboración cos Concellos á que fai referencia o Sergas, explica o Goberno de Redondela, “queda en entredito cando ás administracións locais exclúesenos do sistema de compras habilitado pola Xunta de Galicia que queda dirixido “exclusivamente” a empresarios ou autónomos”.

Cómpre lembrar que o Concello de Redondela tiña solicitado á Xunta de Galicia o envío de 20.000 máscaras cirúrxicas homologadas para engadir ás 50.000 mercadas con fondos propios do Concello. No escrito no que se solicitaba dito material, –engade o Goberno que preside Digna Rivas– dicíase claramente que no caso de non poder envialo “indicásesenos onde poder compralo a prezo de custe segundo o antedito sistema de compras” e, insiste o Goberno local, que ese material solicitado “era para distribuír entre toda a poboación do municipio, empresarios e autónomos incluídos, polo que é un xeito un tanto particular de entender o concepto colaboración”.