Domingo, 4 Maio de 2025

O convenio entre Concello de Redondela e Audasa permite adiantar os traballos para que Chapela conte con novos espazos públicos para uso da cidadanía

O Pleno de Redondela deu o xoves luz verde –cos votos a favor do PsdeG-PSOE, AER e BNG e o voto en contra do PP– ao convenio de colaboración entre Audasa e o Concello de Redondela polo que a concesionaria da AP9 revirte a favor do Concello a parcela sobrante da expropiación das obras de ampliación da capacidade da autoestrada, na que se atopaba o antigo colexio Igrexa e a cambio do valor ou prezo que lle correspondería ao consistorio redondelán pola expropiación levada a cabo por Audasa da parcela onde se sitúa o edificio do antigo centro de saúde de Chapela, actualmente edificio de Correos.

A sinatura deste convenio, polo tanto, non supón compromiso económico algún por parte do Concello xa que a súa finalidade non é outra que a substitución do que debería recibir o Concello pola expropiación do antedito edificio de Correos, polo que o Concello tería que pagar por poder dispoñer novamente dos terreos restantes do antigo colexio, dúas propiedades que segundo os informes técnicos, “teñen valor similar”.

O convenio permitirá que á parcela, agora en poder novamente do Concello de Redondela, poida cambiar o seu uso pasando de ser dotacional-escolar a dotacional de usos múltiples, cambio que deberá ser aprobado polo Pleno da Corporación.

Unha vez cambiado o uso do terreo, o Goberno local poderá encargar o correspondente proxecto para converter dita parcela nun espazo de uso público aínda por determinar. O importante, explica a alcaldesa Digna Rivas, “é que a sinatura deste acordo permite acelerar todos os trámites e que a veciñanza de Chapela poida contar, canto antes, cun espazo de uso público”.

A alcaldesa Digna Rivas, salientou o feito de que “as asociacións e colectivos que utilizan na actualidade o antigo edificio de correos, poderán seguilo facendo xa que Audasa confirmou ao Concello esa circunstancia cando menos ata que non se desenvolva o proxecto de recuperación de viais afectados pola AP9”.

Chegado o momento, sinala a alcaldesa “e grazas ao convenio asinado, o Concello estará en condicións de dispoñer de espazos adecuados para o desenvolvemento das actividades da veciñanza e colectivos da parroquia”

A rexedora local amosou a súa “indignación máis absoluta” ante un novo intento por parte do PP de confundir á cidadanía “a base de terxiversacións continuas dos feitos e falsidades que carecen de sentido”. Cando hay unha permuta, lembra a alcaldesa, “trócase un ben por outro de similar valor” polo tanto, engade, “é absolutamente falso, é o máis triste e que o PP o sabe, que se estea a ‘regalar’ un edificio, cando o certo é que se troca por un terreo de prezo similar”.

O voto en contra dos populares á sinatura do convenio, apunta a rexedora redondelá, “deixa ben clara a súa postura nesta lexislatura: opoñerse a todo canto proxecto saia deste Goberno independentemente que con iso prexudique a veciñas e veciños”.

Unha vez máis, asevera Digna Rivas, “ao PP válelle todo, dende a mentira á terxiversación dos feitos, para intentar confundir a veciñanza e desgastar ao Goberno incapaces de asumir o lugar nos que os puxo a cidadanía”.